Carmen Pomar destaca a versatilidade da FP para cubrir as demandas de cualificación media e superior na empresa

A conselleira pechou o encontro En-Círculo: Educación e Empresa, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia

Destacou a FP Dual como exemplo de colaboración de éxito entre a Administración educativa e o tecido produtivo

Lun, 25/11/2019 - 18:40
Carmen Pomar destaca a versatilidade da FP para cubrir as demandas de cualificación media e superior na empresa

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, pechou hoxe o encontro En-Círculo: Educación e Empresa, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia, celebrado en Vigo. Neste foro destacou a versatilidade da Formación Profesional para encargarse das demandas de cualificación media e superior na empresa, “atendendo ao axeitado compromiso de especialización e  polivalencia que conforma os seus currículos”.

Neste sentido a titular do departamento educativo da Xunta lembrou que “o sistema educativo galego está vinculado, desde hai unha década, ás necesidades da poboación e dos sectores produtivos galegos”. Deste xeito, séguese a liña do recomendado pola estratexia de crecemento da Unión Europea, Europa 2020, que “leva anos na procura dunha economía baseada no coñecemento e na innovación, para reforzar os vínculos entre educación, empresa e investigación e tamén para promover o espírito emprendedor desde todos o ámbitos posibles”, dixo.

Carmen Pomar puxo en valor a evolución da FP nos últimos anos, nos que o abano de titulacións ofertadas na nosa Comunidade “gañou en prestixio e tamén axudou a satisfacer as expectativas de inserción laboral do alumnado”, xa que se apostou “por unha formación de calidade, innovadora e próxima ao territorio, con metodoloxías de vangarda”. Isto trouxo consigo un incremento moi significativo das matriculacións e unha inserción no mercado laboral superior ao 85% e mesmo de máis do 90% no caso da FP Dual. “Diante da falta dun Pacto Educativo estatal que levamos anos procurando –afirmou–, as políticas educativas da Xunta de Galicia son coñecidas e ofrecen estabilidade e resultados contrastables e medibles”.

Estratexia Galega de FP

A conselleira sinalou a Estratexia Galega de Formación profesional 2020-2030, “que presentaremos ao longo deste curso”, como o camiño polo que avanzarán as principais accións de impulso e mellora destas ensinanzas na próxima década, “con medidas na modalidade Dual, internacionalización, implicación do tecido empresarial, promoción da I+D+i aplicada ás PEMES, atención ás necesidades de novos perfís profesionais e formación para os desafíos dos próximos tempos”. Todas elas terán un enfoque interdepartamental e interinstitucional, “facendo responsables aos axentes sociais e á Administración no seu desenvolvemento, a través do Consello Galego de FP”, dixo.

Así mesmo recordou que, tamén coa mirada posta ao futuro a medio prazo, xa se esta dando prioridade ao ensino das linguas estranxeiras nos ciclos formativos, a través do PluriFP, da posta en marcha dun módulo profesional en inglés técnico de ámbito autonómico e da extensión da realización de actividades complementarias en lingua inglesa.

Colaboración empresarial

A responsable de Educación quixo tamén solicitar ás empresas colaboración e compromiso para axustar o crecemento da FP ás demandas dos sectores produtivos e á propia evolución da sociedade, abrindo a porta a novos nichos tecnolóxicos e emerxentes. Algo que, por outra parte, xa está dando excelentes resultados en modalidades como a FP Dual, “unha opción que abriu novas vías para Galicia, achegándonos ao traballo feito noutros países da nosa contorna, como Alemaña, e que deu lugar a unha cooperación modélica empresa-centro educativos”.

Pomar quixo destacar tamén que a FP dual en Galicia “non funciona con subvencións, como ocorre noutras CCAA, senón cun modelo de implicación absoluta por parte do tecido industrial e empresarial”. “Traballamos –engadiu– mediante convenios específicos con cada unha das empresas implicadas no proxecto”, o que permite que desde o inicio exista “unha canle directa de cooperación e intercambio de experiencias entre Administración, centro educativo e empresa, con seguimento do traballo, do rendemento e da disposición de cada alumno matriculado”.

A conselleira salientou tamén os beneficios para as empresas de implicarse na FP Dual, tales como contar cun alumnado formado segundo as súas particularidades e necesidades reais, ademais de identificado cos valores e forma de facer da compañía; así como unha mellora da Responsabilidade Social Corporativa, “Ao aumentar o seu compromiso coa sociedade da contorna, a través da relación co centro formativo”.

O éxito da modalidade queda reflectido no número de alumnas e alumnos matriculados, máis de 1.300, e nas arredor de 300 empresas e asociacións empresariais comprometidas co seu avance.

Precisamente para poñer en valor esta colaboración empresarial a Consellería está a crear o Premio FP Dual Galicia, que recoñecerá a responsabilidade e seguridade do tecido empresarial galego nestas ensinanzas, e que terá distintas categorías (titores,  pequena e mediana empresa, grande empresa e organizacións).

Este galardón é unha das accións recollidas no Plan de dinamización da FP Dual de Galicia, do que tamén forma parte a creación da Rede galega de dinamización da FP Dual (REGADual), que traballa xa para o maior achegamento entre os ciclos formativos e as empresas, “de xeito que se atendan as necesidades de persoal cualificado dos diferentes sectores produtivos e se favoreza a mellora da competitividade, o desenvolvemento do noso tecido produtivo e a Industria 4”.

“Galicia leva unha década creando un modelo de Formación Profesional sólido, forte e cunha oferta diversificada e vinculada ao territorio”, dixo Pomar, sinalando como unha

das apostas máis innovadoras e arriscadas dese modelo a FP Dual. “Achéganse, de novo, tempos difíciles e o único xeito de non fracasar é seguir traballando, mellor, máis duro, para conseguir os nosos obxectivos. Pido, de novo, o seu apoio decidido para este proxecto, apelando á súa responsabilidade como empresarios”, rematou a conselleira.

Declaracións da conselleira