Carmen Pomar salienta a importancia da colaboración empresarial no éxito da Formación Profesional Dual

A conselleira de Educación visitou o alumnado que cursa parte destas ensinanzas na Refinería de Repsol

O Plan de dinamización da FP Dual de Galicia prevé a creación dun premio que recoñeza o esforzo e compromiso das compañías na implantación destas ensinanzas

A conselleira destacou tamén a alta inserción laboral dos titulados no ciclo que se imparte nas instalacións de Repsol, superior ao 95%

Mér, 30/10/2019 - 12:12
Carmen Pomar salienta a importancia da colaboración empresarial no éxito da Formación Profesional Dual

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o alumnado que está a realizar parte da formación de FP Dual nas instalacións do Complexo Industrial de Repsol Petróleo S.A. na Coruña. Trátase, en concreto, dun grupo de 20 alumnas e alumnos do ciclo superior de Química Industrial, que desenvolven a parte teórica da súa formación no IES A Sardiñeira. O 53% do ciclo desenvólvese no IES e o 47% restante no complexo petroleiro.

Durante a súa visita a conselleira salientou a importancia da colaboración de empresas como Repsol no éxito e crecemento da FP Dual. Neste sentido explicou que este tipo de colaboración empresarial é crucial para esta modalidade, “que sustenta o seu éxito na confianza e no compromiso do tecido empresarial galego. Un traballo en equipo que hoxe representa aquí Repsol e polo que quero darvos as grazas”.

Cómpre lembrar que ao abeiro do Plan de dinamización da FP Dual de Galicia a Consellería ten previsto crear o Premio FP Dual Galicia, co que recoñecer a confianza e o compromiso do tecido empresarial galego con estas ensinanzas. O galardón contará con categorías dirixidas aos titores, ás pequenas e medianas empresas, ás grandes empresas e ás organizacións (asociacións empresariais, cámaras de comercio, institucións, fundacións e outro tipo de colectividades sen ánimo de lucro).

Alta inserción laboral

A conselleira salientou tamén a alta inserción laboral dos titulados no ciclo que se imparte nestas instalacións ( de arredor do 95%), que supera a media da FP Dual no resto de Galicia (que é do 90,7%). A este respecto lembrou que o éxito destas ensinanzas vén dado pola estreita relación entre a oferta e as demandas dos sectores produtivos da comunidade e coa propia evolución da sociedade.

“Este axuste ás súas particularidades sociais e económicas é a chave desta modalidade educativa que conseguimos prestixiar e que grazas á ampliación de competencias relacionadas co plurilingüismo, a innovación e a modernización mantén e mellora os estándares de calidade que fan da FP galega un ensino de referencia para o resto do Estado” explicou. Ademais, estas ensinanzas “proporcionan unha oportunidade única para o crecemento do noso tecido socioeconómico, con profesionais da máis alta cualificación, preparados, coma vós, para dar resposta ás necesidades das empresas”.

Ampla colaboración

A que comeza este ano a súa formación en Repsol é a cuarta promoción do proxecto de FP Dual en Química Industrial nesta empresa, unha colaboración que arrincou en 2013 o primeiro proxecto de formación profesional dual na cidade herculina. A raíz desta cooperación teñen pasado polas instalacións da Refinería, contando coa promoción que agora comeza, máis de 60 alumnas e alumnos.

O departamento educativo da Xunta de Galicia e Repsol manteñen unha estreita relación desde 1997, ano no que se asinou o primeiro convenio de colaboración educativa nas ensinanzas de formación profesional. No ano 2003 esta colaboración ampliouse para a impartición do ciclo formativo de grao superior de Industrias de Proceso Químico conxuntamente nas instalacións da empresa e no IES A Sardiñeira da Coruña. A partir de 2010 este ciclo foi substituído polo actual de grao superior en Química Industrial. A maiores, a empresa implicouse xa en 2013 na implantación da FP Dual, mantendo ademais a colaboración anterior no grupo de réxime ordinario.