O conselleiro inaugura a ampliación do museo do Centro de Recursos Educativos da ONCE, en Pontevedra

A sala de maquetas artesanais mostra un traballo no que se prioriza o releve co obxectivo de que os estudantes invidentes identifiquen texturas e estruturas de portos entre outras construcións
Xesús Vázquez Abad tamén visitou ás 20 das 55 alumnas e alumnos que realizan un dos tres cursos de Perfeccionamento de Inglés que se imparten ao longo do verán
Mér, 13/07/2011 - 12:26
O conselleiro inaugura a ampliación do Museo do Centro de recursos educativos da
O conselleiro inaugura a ampliación do Museo do Centro de recursos educativos da ONCE, en Pontevedra

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu esta maña, á inauguración da ampliación do museo do Centro de Recursos Educativos (CRE) da Once de Pontevedra con novas maquetas artesanais. Previamente o conselleiro mantivo un encontro con 20 dos 55 estudantes invidentes que ao longo deste verán asisten ao Curso de Perfeccionamento de Inglés.

Acompañado polo delegado territorial da ONCE en Galicia, a presidenta do Consello Territorial en Galicia e o director do CRE; Manuel Martínez Pan, Dolores Venancio e José Ángel Abraldes Rodeyro, respectivamente o conselleiro percorreu as instalacións no centro. Xunto a eles tamén estivo o persoal técnico e docente do centro, así como o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís e o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares.

Unha vez realizada a visita Vázquez Abad sinalou que “accións como esta promoven medidas para que a invidencia sexa cada vez menos sinónimo de illamento, de xeito que se logre un entorno físico axeitado para a plena integración”. Asemade o conselleiro destacou que “é importante o traballo desenvolvido polo centro a prol da integración dos seus usuarios. Deste xeito non podo deixar de resaltar o labor educativo que se desenvolve aquí día a día a beneficio dos estudantes”.

O museo

Cómpre destacar que as maquetas artesanais que conforman a mostra son representacións das máis diversas construcións, como a Mámoa do Rei, o labirinto de Mogor, un castro celta; o cacereño ponte de Alcántara; a igrexa de Santa Comba de Bande, en Ourense; un porto comercial; un parque eólico; a Ponte dos Tirantes, de Pontevedra; e unha paisaxe de costa e outra de interior entre outras, ata sumar 22 recreacións.

Todas elas dan resposta á necesidade dos invidentes de comprender determinados conceptos artísticos, arquitectónicos, xeográficos, e sociais. Así, o máis importante en todas as maquetas é o releve para que, deste xeito, os estudantes e visitantes invidentes poidan identificar texturas, estruturas e materiais.

Estas novas maquetas forman parte dun museo, que foi inaugurado no 2003 co obxectivo de mostrar a historia e evolución da ensinanza de invidentes desde o século XX ata a actualidade. Entre os fondos do CRE atópanse máquinas de braille, instrumentos de escritura, traballos manuais e documentación.

Os estudantes de inglés

Durante a visita ao CRE o conselleiro aproveitou para saudar a 20 dos 55 alumnas e alumnos invidentes que están a realizar un dos tres cursos de perfeccionamento de inglés que se imparten no centro, ao longo do verán.

Cómpre destacar que están divididos en varias quendas, sendo esta a primeira con vinte estudantes, de entre 12 e 14 anos, que estarán ata o 15 deste mes. Os seguintes 20 nenas e nenos, de entre 15 e 17 anos, estarán do 18 ao 29 de xullo. Así os últimos 15 estarán asistiran ao curso que vai desde o 1 ata o 12 de agosto. Entre os asistentes a este están inscritos catro estudantes invidentes procedentes de Italia e un de Portugal.

Os estudantes destes cursos teñen divididas as xornadas entre clases lectivas e actividades varias, como visitas culturais, excusións, actividades deportivas, veladas musicais e talleres.

Coa presenza de Vázquez Abad, a Consellería volve a demostrar o seu apoio para con todas aquelas iniciativas e actividades que melloren a educación, a formación e a integración de todos os nenos e nenas invidentes, tanto galegos como de fóra da comunidade.