O profesor Ricardo Nemirovsky, responsable da conferencia inaugural da xornada ‘Historia, usos e aprendizaxe da lingua escrita’

A conselleira de Educación presidiu a apertura desta actividade estratéxica na formación do profesorado

É docente e investigador na universidade de Manchester e especialista nos procesos cognitivos de aprendizaxe

Carmen Pomar participou tamén na xornada ‘Erasmus+, E-Twinning e outras propostas’

Sáb, 19/10/2019 - 11:00

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiu hoxe a apertura da xornada Historia, usos e aprendizaxe da lingua escrita organizada polo seu departamento, no marco do Plan de Formación do Profesorado da Consellería.

O encargado da conferencia inaugural, baixo o título Conversacións, materiais e sentimentos entre as pasións de Myriam, foi o profesor e investigador do Instituto de Investigación Social e de Educación da Universidade Metropolitana de Manchester (Reino Unido) e especialista en Didáctica das matemáticas e nos procesos cognitivos de aprendizaxe. Nela abordou o traballo da súa dona (Myriam Nemirovsky, xa falecida), que, xunto coa súa mentora, Emilia Ferreiro, configuraron un marco de referencia no traballo da escritura con diferente tipoloxías de textos extraídos da vida real.

Durante a súa intervención a conselleira destacou o privilexio que supón que esta xornada, -unha actividade estratéxica na formación do profesorado que cada ano se celebra nun punto distinto de España-, se desenvolva desta vez en Galicia. Ademais  destacou a importancia, nos tempo actuais, de ensinar ao alumnado a “discriminar e xerarquizar a información no mar infindo de datos nos que navegan, pero tamén a formarse unha opinión e comunicala de xeito eficaz”. Neste sentido, fixo fincapé no traballo que está a realizar o seu departamento para “incorporar contido humanístico á revolución tecnolóxica que vivimos”, nun contexto de aposta seria e global polo uso da tecnoloxía nas aulas desde a etapa infantil.

Carmen Pomar destacou tamén o papel dos docentes no cambio metodolóxico do proceso de ensinanza-aprendizaxe da lectura e a escritura que supón o uso das tecnoloxías da información. “Ninguén mellor que as e os docentes para facer posible que os contidos se adapten ás necesidades do noso alumnado e lograr unha maior implicación da comunidade educativa”, dixo, agradecendo o seu compromiso coa súa formación permanente a través da asistencia a esta xornada.

Boas prácticas e experiencias

A xornada de hoxe, que se celebra no Auditorio de Abanca de Santiago de Compostela, reúne a arredor 400 docentes de Infantil e Primaria co obxectivo de afondar no proceso de ensino- aprendizaxe da lectura e a escritura, así como difundir boas prácticas e intercambiar experiencias arredor do ensino e a aprendizaxe inicial da Linguaxe escrita.

Tras o relatorio de Nemirovsky, a responsable científica da Pasantía da Licenciatura en Ciencias da Educación Primaria da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Milán, Lilia Andrea Teruggi, impartirá a conferencia Ler e escribir na escola: por onde comezar?.

Ao longo da xornada de formacion intervirán tamén as mestras de educación Infantil e Primaria Teresa Neira e Eva García (CEIP de roxos e CEIP Pío XII), o mestre de educación Primaria Pablo Nimo, Gema Sirvent Laguna (editora independente), e as mestras do CEIP Clara Campoamor (Almería) Carmen Cañabete e Francisca Espinosa. Os dous últimos relatorios correrán a cargo da coordinadora do proxecto 100lengoaia esperientzia (asesorado por Francesco Tonucci), Elena Laiz, e a directora do Centro do Profesorado de Lebrija, Rosario Sánchez Toscano.  A xornada pecharase cunha mesa de conclusións onde os asistentes poderán facer preguntas.

Erasmus e E-Twinning

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, inaugurou tamén hoxe a xornada Internacionaliza a túa escola: Erasmus+, E-Twinning e outras propostas, unha iniciativa incluída nas accións de formación permanente do profesorado impulsadas desde o seu departamento e que se celebra na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). O seu obxectivo é proporcionar información sobre os programas europeos descentralizados no contexto do Erasmus+, amosar boas prácticas e procedementos de participación nas diferentes accións de programas europeos e desenvolver estratexias para o desenvolvemento de programas europeos.

Neste sentido a actividade conta coa participación da Xefa de Servizo de Sector Escolar e de Persoas Adultas do Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE), Beatriz Tourón Torrado. Así mesmo, profesorado e alumnado de centros participantes no programa Erasmus+ exporán casos de boas prácticas. Nestes apartados tomarán parte representantes do CEIP Plurilingüe de Sigüeiro (Oroso), do CIFP Ferrolterra (Ferrol), do Colexio Rural Agrupado (CRA) de Rianxo e do CPI Plurilingüe O Cruce (Cerceda).

No marco desta xornada tamén se impartirán obradoiros específicos da man de representantes do CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey (O Pereiro de Aguiar), do CEIP Plurilingüe Nº 2 (Tui), do CPI A Xunqueira (Fene), dos CIFP Compostela (Santiago de Compostela), Someso (A Coruña) e Politécnico de Lugo; do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes (Lugo), do conservatorio Superior de Música de Vigo, da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol e dos IES Fernando Wirtz Suárez (A Coruña), Félix Muriel (Rianxo), da Pobra do Caramiñal e David Buján (Cambre).

As xornadas están organizadas pola Consellería e contan coa asistencia de aproximadamente 150 docentes. A maiores deste tipo de xornadas existen actividades para poñer en valor esta liña prioritaria de formación, tales como cursos específicos na plataforma Platega (para a formación dos docentes) sobre Erasmus + e E-Twinning, ou obradoiros sobre os subprogramas KA1 e KA2. Ademais toda a participación nestes proxectos está asesorada polos Centros de Formación e Recursos (CFR) e polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI).