O grupo de traballo do plan de financiamento universitario aproba o decálogo de medidas de racionalización do sistema co que as universidades poderán aforrar ata 10 millóns de euros

O obxectivo é fomentar no sistema universitario aspectos como a eficiencia da xestión, o emprego conxunto de recursos e o aumento de ingresos

A lista foi aprobada, co voto consensuado do grupo de traballo do Plan, a partir das 23 medidas iniciais propostas conxuntamente polo membro do grupo

Dom, 10/07/2011 - 11:00

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria comunica a aprobación do decálogo de medidas de racionalización do sistema elaborado polo grupo de traballo do Plan de Financiamento Universitario, co que se estima que as universidades poderán aforrar ata 10 millóns de euros anuais. Estas medidas servirán para mellorar o Sistema Universitario Galego (SUG), en todos os seus ámbitos. Oito desas medidas teñen unha orientación de conxunto, procurando compartir recursos, simplificar estruturas organizativas, e o aumento de ingresos. So dúas medidas do decálogo refírense especificamente ao tema dos aforros no gasto.

Sé se levan á práctica todas as medidas reflectidas no decálogo o aforro obteríase das medidas de redución a través do gasto tanto en axudas duplicadas, como en gastos correntes, comunicacións, custos de gobernanza, eliminación de ineficiencias estruturais, renegociación con provedores....

Cómpre recordar que o grupo de traballo -de acordo co indicado no sétimo apartado do Plan de Financiamento- está conformado polos vicerreitores de Economía das tres universidades galegas, polo director e o subdirector xeral de orzamentos da Consellería de Facenda e o secretario xeral e a subdirectora xeral de Universidades da Consellería de Educación.

Informe anual

O decálogo foi creado co obxectivo de racionalizar aspectos como o persoal, ou a oferta, o gasto corrente, e a mellora da eficiencia da xestión a través de fórmulas que inciten a compartir recursos no ámbito do SUG así como o uso eficiente das novas tecnoloxías da comunicación. No seu conxunto cinco das medidas van destinadas aos recursos materiais e humanos, mentres que tres están dedicadas á mellora da estrutura organizaba das universidades, e dous á orientación económica.

Elaboración da lista

Para a elaboración da lista definitiva a Secretaria Xeral de Universidades presentou unha inicial con 23 medidas, propostas polos membros do Grupo. Posteriomente todas elas foron sometidas a valoración e votación por todos os integrantes do mesmo que agruparon as distintas ideas por similitudes no seus fins e deixaron dez medidas.

Finalmente o decálogo foi elevado á Comisión de Seguimento do Plan, o pasado 23 de xuño de 2011, para a súa aprobación que foi obtida grazas ao voto consensuado e favorable todos os seus membros.

Cómpre destacar que o decálogo inclúe unha serie de medidas voluntarias que se adoptaran en función das necesitades e prioridades de cada unha das universidades, e que serán desenvolvidas polos distintos equipos reitorais. Todas as accións serán avaliadas anualmente, co obxectivo de comprobar os progresos e os resultados obtidos da posta en práctica das correspondentes medidas.

O decálogo

Así o decálogo queda do seguinte xeito:
1. Medidas de racionalización de persoal e alumnado (horizonte 2015).
2. Racionalización do gasto corrente.
3. Inventario de equipamento científico para uso compartido mediante comisión interuniversitaria (cantidade e utilidade).
4. Desconcentración departamentos (tendencia á fusión departamentos en campus centrais establecendo un tamaño mínimo por departamento -redución complementos e cargos-; e, ao mesmo tempo, creación de departamentos en campus periféricos –aforros en tempo, dietas, quilometraxe, mellora na xestión).
5. Concentrar os asuntos de xestión compartida dentro do SUG nun único ente.
6. Financiamento dos centros mediante contratos-programa.
7. Aumento ingresos propios (prezos públicos, títulos propios, formación continua, aumento retención “overheads”).
8. Implantación da administración electrónica.
9. Redución custos comunicación (nivel local e nacional) mediante emprego de skype ou similares.
10.Bibliotecas (potenciación dos formatos dixitais, visión sistémica adquisición libros, condicións adquisición e explotación bases de datos).