A Xunta de Galicia cumpre a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias

O conselleiro de Educación e o secretario xeral de Política Lingüística reuníronse esta tarde en Madrid co Comité de Expertos da Carta

Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo responderon as cuestións formuladas polo organismo europeo acerca do terceiro informe de España sobre o cumprimento da Carta, que abrangue o período 2006-2008

O Goberno autonómico tamén avanzou as principais iniciativas postas en marcha pola Xunta desde o ano 2009 para promover o uso do galego

Mér, 06/07/2011 - 19:00
Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo na reunión do Comité de Expertos da CELRM
Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo na reunión do Comité de Expertos da CELRM

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, informaron hoxe en Madrid que Galicia está a cumprir a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM). Fixérono durante o encontro que mantiveron esta tarde en Madrid co Comité de Expertos da CELRM, que viaxou a España para rematar a elaboración do seu terceiro informe sobre o cumprimento da CELRM por parte do Estado español, correspondente ao período 2006-2008.

Do Comité de Expertos participaron na reunión Vesna Crnic-Grotic, Alberto López Basaguren e Gabor Kardos, que estiveron acompañados por Simone Klinge, da Secretaría da CELRM. Durante o encontro institucional, o Goberno galego respondeu as cuestións formuladas polo organismo europeo acerca das iniciativas impulsadas pola Xunta de Galicia desde 2006 a 2008. Isto permitiulle ao comité ampliar os datos do terceiro informe elaborado por España sobre o cumprimento da CELRM e que se lle remitiu á Comisión Europea en xullo de 2010. O Ministerio de Política Territorial e Administración Pública foi o encargado de elaborar este informe final sobre o galego, o éuscaro e o catalán, que agora lle serve de base ao Comité de Expertos para valorar o cumprimento da CELRM en España.

Actuacións desde 2009 con implicación no cumprimento da CELRM

Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo tamén aproveitaron a entrevista para transmitirlle ao Comité de Expertos as medidas en materia de política lingüística que está aplicando e que inciden na protección e na normalización do uso da lingua galega nos principais ámbitos sociais e institucionais, a través das estratexias, iniciativas e programas axeitados ás características da sociedade galega actual, que garantan a promoción activa, transversal e multidimensional do galego.

Con este fin, explicaron que o Goberno galego segue implicado na protección e na normalización do uso da lingua nos ámbitos da administración e da xustiza, nos que destacan actuacións en relación coa oferta positiva para ampliar os espazos de uso do idioma neste sector. En canto ao ámbito educativo, no ensino obrigatorio, garántese a adquisición dunha competencia en igualdade nos dous idiomas oficiais de Galicia, e no ensino superior continúase co labor de fomento do uso do galego en colaboración coas universidades.

Respecto doutro ámbito prioritario como o da función pública, os representantes do Goberno de Galicia informaron de que, para o seu acceso, a Xunta mantén a obrigatoriedade de acreditar o coñecemento do galego. Os avances na formación en galego para adultos e as actuacións impulsadas para dinamizar o uso do galego en sectores poboacionais prioritarios como as franxas de idade máis novas foron outras das cuestións detalladas polo Goberno galego.

Trinta anos de política lingüística

Os representantes da Xunta de Galicia contextualizaron estas actuacións no marco global da política lingüística en Galicia no período actual. Unha política lingüística que lle dá continuidade á desenvolvida desde o inicio da autonomía, en 1981. Esa continuidade está baseada no artigo 5º do Estatuto de Autonomía, que marca a pauta do pacto lingüístico que en Galicia se fraguou nos últimos 30 anos. Esta pauta responde á cooficialidade entre galego e castelán, á consideración da lingua galega como lingua propia de Galicia, á promoción positiva para a extensión do seu coñecemento e uso e á aplicación do principio de non discriminación por razón de lingua.

Neste marco glotopolítico, o Plan xeral de normalización da lingua galega, que contén máis de 400 medidas, constitúe un documento de referencia para darlle un novo pulo á lingua tendo en conta os retos aos que se enfronta o idioma no século XXI. Para tal fin, o Goberno galego establece as estratexias, iniciativas e programas que se axeiten ás características da sociedade galega actual e que garantan a promoción activa, transversal e multidimensional do galego.

Obxectivos da CELRM

A CELRM, elaborada no seo do Consello de Europa e en vigor desde o 1 de marzo de 1998, regula mecanismos para controlar e para avaliar a súa aplicación e poder realizar recomendacións, se for necesario, para mellorar a lexislación, as políticas e as prácticas en materia lingüística.

España subscribiu a CELRM o 5 de novembro de 1992 e ratificouna o 9 de abril de 2001, ano no que entrou en vigor en España. Os estados que ratificaron a CELRM teñen a obriga de remitir con carácter trianual o seu informe periódico. En xullo de 2010, o Estado español remitiulle á Comisión Europea o seu terceiro informe, coas actuacións levadas a cabo en materia de política lingüística desde o 2006 ao 2008. O seguimento destas actuacións completarase co informe que está a redactar o Comité de Expertos e que fará público proximamente.