Carmen Pomar salienta a importancia dunha educación inclusiva para acadar a excelencia

A conselleira de Educación inaugurou unha xornada sobre esta materia no CEIP Plurilingüe Nº1 de Tui

Sinala a necesaria cooperación de toda a comunidade educativa neste eido

Mar, 24/09/2019 - 18:42
Carmen Pomar salienta a importancia dunha educación inclusiva para acadar a excelencia

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, inaugurou esta tarde a xornada Camiño á inclusión, organizada polo CEIP Plurilingüe Nº 1, onde salientou a importancia da atención á diversidade para acadar os mellores resultados educativos. Neste sentido explicou que a inclusión educativa implica “proporcionar ao noso alumnado igualdade de oportunidades e acceso a unha educación axeitada ás condicións e circunstancias persoais, ás capacidades e fortalezas de cada estudante”. “A atención á diferenza é, pois, o requisito básico para chegar á excelencia”, dixo.

A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou tamén que a inclusión e a equidade na educación son os piares dunha educación transformadora, para facer fronte á exclusión e ás desigualdades, tanto no acceso á educación, como na participación e nos resultados do proceso de ensino. “Só se todo o alumnado aprende das diferencias conseguiremos centros educativos máis humanos e camiñaremos cara a construción dunha sociedade máis inclusiva”, resumiu.

Carmen Pomar quixo felicitar o CEIP Plurilingüe Nº 1 pola organización desta xornada, “unha actividade que pon de manifesto o voso compromiso coa formación do alumnado e a vosa preocupación pola plena inclusión e a equidade educativa”.

Na súa intervención a conselleira reafirmou o compromiso do seu departamento con estas prioridades, tanto a través da formación do profesorado como dun cambio na práctica educativa para que todo o alumnado acade as metas no seu proceso de aprendizaxe. Así mesmo, fixo fincapé na necesidade da cooperación de toda a comunidade educativa, de “unir esforzos para afrontar as dificultades que poden obstaculizar o desenvolvemento das prácticas inclusivas de éxito”.

Camiño á inclusión conta coa presenza de docentes, especialistas familias e membros de diferentes entidades, tales como a Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (APAMP), Asociación de Apoio a Persoas con Diversidade Intelectual (ACEESCA), ou Asociación San Xerome Emiliani .