O Goberno galego reunirase co comité de expertos da carta europea de linguas rexionais ou minoritarias

O conselleiro de Educación e o secretario xeral de Política Lingüística viaxarán mañá a Madrid para manter o primeiro encontro institucional con este organismo europeo

O Comité de Expertos está a elaborar o seu informe sobre a aplicación da Carta en España durante o período 2006-2008

Mar, 05/07/2011 - 11:15

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, viaxarán esta semana a Madrid para manter o seu primeiro encontro institucional co Comité de Expertos da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM).

O motivo da visita oficial a España dunha delegación deste Comité de Expertos, a terceira que realiza ao país, é a elaboración do informe sobre a aplicación da CELRM no Estado español durante o período comprendido entre o ano 2006 e o ano 2008. Con este fin, o Comité de Expertos reunirase con representantes dos gobernos central e autonómicos para actualizar información sobre a situación do galego, do éuscaro e do catalán, así como con asociacións e organismos legalmente establecidos en España.

O encontro do Comité de Expertos coa Xunta de Galicia terá lugar este mércores pola tarde en Madrid. Por parte do Goberno autonómico participarán o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e o responsable da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo. A delegación do Comité de Expertos estará conformada por Vesna Crnic-Grotic, Alberto López Basaguren e Gabor Kardos, que virán acompañados por Simone Klinge, da Secretaría da CELRM. Durante a súa estancia en España, do día 6 ao 10 de xullo, o Comité de Expertos tamén visitará Palma de Mallorca e Valencia para levar a cabo o resto de reunións previstas.

A aplicación da CELRM

Elaborada no seo do Consello de Europa e en vigor desde o 1 de marzo de 1998, a CELRM regula os mecanismos para avaliar a súa aplicación e poder realizar recomendacións, se for necesario, para mellorar a lexislación, as políticas e as prácticas en materia lingüística dos estados nos que está en vigor.

Os estados que ratificaron a CELRM, entre eles España –o 9 de abril de 2001– teñen a obriga de remitir con carácter trianual o seu informe periódico, que posteriormente é avaliado polo Comité de Expertos. Nestes momentos, o Comité de Expertos está a avaliar o cumprimento da CELRM por parte do Estado español no período correspondente ao trienio 2006-2008.

Para isto, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia remitiulle un informe minucioso á Dirección Xeral de Cooperación Autonómica do Ministerio de Política Territorial e Administración Pública, que elaborou un informe global coa información facilitada polas comunidades autónomas. Este informe final do Estado español foille enviado ao Consello de Europa en xullo de 2010.

O seguimento das actuacións en materia de política lingüística levadas a cabo entre o ano 2006 e o ano 2008 completarase, polo tanto, proximamente co informe que está a redactar o Comité de Expertos, a partir do cal o Comité de Ministros lles ditará as súas recomendacións aos estados, sometidos ao control da Asemblea Parlamentaria.

Declaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad

Declaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad