Carmen Pomar loa o traballo de ESTALMAT-Galicia a prol do desenvolvemento do talento matemático entre o alumnado

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional recibiu hoxe unha das insignias de honra que outorga este organismo en recoñecemento do labor de institucións e profesorado a prol do estímulo matemático
Sáb, 14/09/2019 - 15:00

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, recibiu hoxe a insignia de honra de ESTALMAT-Galicia, o proxecto para a detección e estímulo do talento precoz en Matemáticas, impulsado pola Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática (AGAPEMA), da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e da Facultad de Ciencias de la Educación da Universidade da Coruña. Ademais de agradecer esta distinción -que no apartado institucional tamén recibiu a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo- Carmen Pomar subliñou que o programa de Estímulo do Talento Matemático de estudantes galegos, dirixido a rapazas e rapaces de entre 12 e 16 anos, “coincide co esforzo que a Consellería vén realizando na última década a prol do impulso das vocacións STEM entre o alumnado”.

A responsable do departamento de Educación da Xunta de Galicia defendeu a aposta pola excelencia educativa “a través dun sistema que recoñece a diferenza como virtude e a diversidade como capacidade” e que “dea cabida a todos os talentos”.

Neste senso agradeceu o traballo que ESTALMAT realiza co alumnado dotado dunhas habilidades especiais para as matemáticas e que, de seguro, o seu talento no futuro contribuirá de xeito substancial ao progreso cultural, científico e tecnolóxico de Galicia

Ademais dos recoñecementos no apartado de autoridades á conselleira Carmen Pomar por parte da Xunta de Galicia e á vicerreitora da USC; ESTALMAT-Galicia outorgou outras 31 insignias de honra ao profesorado promotor do proxecto na CA, ao persoal colaborador do CESGA, ao persoal de administración e servizos e aos colaboradores especiais neste proxecto.