O novo edificio do CEIP Lamas de Abade terá capacidade para 150 alumnas e alumnos

Carmen Pomar visitou hoxe o centro compostelán

A ampliación conta cun orzamento de máis de 1,1 millóns de euros

Inclúe tamén a ampliación do patio cuberto e a instalación dun ascensor no edificio existente

Lun, 26/08/2019 - 13:37
O novo edificio do CEIP Lamas de Abade terá capacidade para 150 alumnas e alumnos

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, comprobou hoxe o avance das obras de ampliación do CEIP Lamas de Abade, que inclúen a construción dun novo edificio para 150 alumnas e alumnos. O obxectivo é que os traballos, que contan cun orzamento de 1.160.653,78 €, estean rematados para o inicio do novo curso escolar. Durante a visita a conselleira estivo acompañada polo alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo.

A nova edificación, destinada a aulario de Infantil, contará cunha superficie total construída de 831,7 metros cadrados, con 6 aulas con aseo no seu interior, unha sala de usos múltiples, unha aula de apoio educativo, unha aula exterior e un patio cuberto, así como con distintas salas de usos tanto administrativos como para as instalacións, almacenaxe e limpeza.

Para conectar o novo edificio co actual, a actuación inclúe a construción dunha pasarela acristalada, polo que haberá que abrir o pertinente oco na fachada existente para a instalación dunha porta de paso entre ambos espazos, así como reestruturar unha das aulas da planta baixa para xerar un novo corredor de acceso á pasarela.

Ademais prevese a instalación dun novo ascensor no edificio xa existente, a ampliación da zona cuberta do patio e a conexión do novo aulario co parque infantil e co patio cuberto a través de ramplas e escaleiras.

Durante a súa visita ao centro Carmen Pomar expresou o seu desexo de que a ampliación permita a expansión deste centro, moi activo entre os composteláns, que desenvolve tanto os contratos-programa como o Plan Proxecta e o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE).

Declaracións da conselleira