A conselleira de Educación comproba o avance da obra de rehabilitación integral do IES de Arzúa

A actuación, que conta cun investimento de máis de 900.000 euros, está enmarcada no Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas

Lun, 26/08/2019 - 12:22
A conselleira de Educación comproba o avance da obra de rehabilitación integral do IES de Arzúa

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, comprobou o avance da obra de rehabilitación integral do IES de Arzúa, unha actuación na que o seu departamento inviste 935,508,80 euros e que redundará nun aforro do 53,2% no consumo de enerxía primaria non renovable e do 58,2% en emisións de CO2 neste centro educativo.

Esta reforma forma parte do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas da Xunta de Galicia e é posible grazas ao anticipo de tesourería aprobado no Consello da Xunta para axilizar a licitación das obras con cargo ao superávit de 2018.

A obra inclúe diferentes actuacións para a mellora da eficiencia enerxética, tales como illamento da fachada mediante sistema SATE, a colocación de novas fiestras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo e a instalación de novas luminarias. Así mesmo, inclúe a substitución de material de cubrición por panel sándwich nervados de chapa prelacada de aceiro con illamento térmico na cara superior do forxado do baixo cuberta.

Por outra banda o proxecto contempla a instalación dun ascensor, un aseo adaptado e unha rampla exterior para mellora da accesibilidade, así como o pulido do pavimento de terrazo, a colocación de novos falsos teitos e a reparación e pintado dos paramentos interiores, portas, caixas de persianas, varandas, radiadores e tubaxes.

Co gallo da súa visita, a conselleira animou ao centro a continuar aumentando a súa participación nos diferentes programas impulsados desde a Consellería. Neste sentido o IES de Arzúa xa forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), participou no Plan Proxecta e desenvolveu o curso pasado a primeira liña de actuación dos contratos-programa, de Reforzo, orientación e apoio (PROA).