Un total de 35 ANPAS de educación especial resultan beneficiarias das axudas da Consellería de Educación

A convocatoria contaba cunha contía de 73.647,69 euros para financiar actividades, gastos de material e mantemento de instalacións

Ven, 16/08/2019 - 12:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar a resolución da convocatoria de axudas para confederacións, federacións e asociacións de nais e pais de alumnado de centros de educación especial, a través da que 35 destas entidades recibirán subvencións para financiar a súa actividade. A relación de beneficiarias pode consultarse na resolución no Diario Oficial de Galicia.

O importe das axudas oscila entre os 925 e os 8.599,23 euros. A convocatoria contaba cunha partida inicial de 60.000 euros ampliada a través da orde do 22 de abril de 2019 (DOG do 26 de abril), polo que o orzamento total  dedicado a esta convocatoria foi de 73.647,69 €. O obxectivo destas axudas é contribuír ao desenvolvemento das actividades e a sufragar gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material e mantemento ordinario das instalacións.