A Consellería de Educación e GRUMICO colaborarán para o traslado a centros escolares de 15 alumnos con graves discapacidades da provincia da Coruña

O acordo cobre os traslados entre o fogar e o centro educativo, e as viaxes en horario escolar aos centros de rehabilitación

Xov, 30/06/2011 - 18:03

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Asociación Grupo de Persoas con Discapacidade da Coruña (GRUMICO) asinarán un acordo de colaboración para que o alumnado con discapacidades poida desprazarse aos seus respectivos centros educativos. A reunión semanal do Goberno galego deu hoxe o visto e prace a este acordo, do que se beneficiarán este curso académico 15 escolares.

Trátase de escolares con distintos tipos de discapacidades que precisan nos seus traslados ao centro educativo dunha atención específica e personalizada, de acordo coas súas necesidades físicas e psíquicas particulares. Así, o convenio cobre os desprazamentos  de ida e volta desde os domicilios dos rapaces aos seus centros escolares , así como a ou desde os centros en que reciban tratamento rehabilitador, cando este coincida co horario escolar. Ademais, o servizo obxecto do convenio estará adaptado ás necesidades horarias das alumnas e alumnos, moitas veces condicionadas polos tratamentos médicos que estes necesitan.

Ao abeiro do convenio, GRUMICO comprométese a facilitar os desprazamentos cos vehículos adaptados que sexan necesarios, así como a prestar os pertinentes servizos de acompañamento e atención ao alumnado trasladado. Ademais, nos vehículos poderán viaxar os coidadores daquelas persoas que precisen atención individualizada, continua e permanente. Pola súa banda, a consellería farase cargo do 80% do gasto derivado da prestación destes servizos.

A Asociación GRUMICO é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como fin estatutario a defensa dos intereses das persoas discapacitadas, co fin de acadar a máxima atención social aos problemas que presentan, así como a súa propia recuperación, rehabilitación e integración na sociedade, para o que colabora con organismos e entidades que teñen relación coa problemática dos discapacitados.

Coa sinatura deste convenio, a Consellería de Educación facilita o acceso á escolarización ao alumnado galego, atendendo á súa diversidade e ás súas necesidades específicas.