Carmen Pomar salienta o labor investigador do CICA-INIBIC e a transferencia de coñecemento que xera valor científico, económico e progreso social

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional participou na presentación dos resultados de investigación desta agrupación estratéxica que é dun dos axentes científicos máis excelentes do sistema universitario galego
Neste Centro de Investigación Científica Avanzada desenvolven o seu traballo 24 grupos que traballan na prevención de enfermidades mediante a mellora da alimentación, e o estudo de factores ambientais e contaminantes entre outros
A Consellería financia o labor científico deste centro cunha inxección económica dun millón de euros
Ven, 19/07/2019 - 11:41

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, asistiu esta mañá á presentación dos resultados de investigación e os retos de futuro do Centro de Investigación Científica Avanzada+ Instituto de Investigación Biomédica CICA-INIBIC, unha das sete Agrupacións Estratéxicas de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG), que representan os axentes científicos máis excelentes da Comunidade Autónoma.

Carmen Pomar subliñou que a investigación universitaria transcende o traballo dos laboratorios na medida en que os resultados obtidos teñen unha repercusión directa na sociedade a través de respostas a retos biomédicos, tecnolóxicos e medioambientais “que xeran valor científico, económico e progreso social”.

Segundo a conselleira, a relación directa entre as estruturas de investigación de referencia e o avance científico da sociedade na que se insiren “representan a madurez do noso sistema de investigación universitario galego”. “Ademais -engadiu- estas agrupacións transcenden o que podería lograr un grupo de xeito individual, xa que favorecen a creación de coñecemento de fronteira, a competitividade no acceso a fontes de financiamento ou a mellora da calidade e do impacto na produción científica”.

Desde a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional estase a manter un apoio permanente á investigación universitaria cunha partida propia de 61,5 millóns de euros nos orzamentos para este ano 2019 que permite consolidar as políticas de recursos humanos así como o financiamento estrutural de 230 grupos de referencia competitiva.

Ademais, co obxectivo de afianzar un sistema de investigación de excelencia consolidado a longo prazo, Educación inxectou preto de 3,3 millóns de euros para avanzar no proceso de integración científica que teñen en marcha as sete Agrupacións Estratéxicas do SUG, entre as que se atopa o CICA-INIBIC. Neste senso, cómpre lembrar que Galicia é a única Comunidade Autónoma do Estado que conta cunha liña de financiamento estable a grupos de investigación co obxectivo de despuntar en ámbitos de referencia investigadora.

No caso concreto do CICA-INIBIC, recibe un financiamento estable por parte da Consellería de Educación de un millón de euros no período que vai desde 2015 (ano en que foi recoñecida como Agrupación Estratéxica) ata 2020.

Axenda científica centrada en resolver retos sociais

O CICA INIBIC (da UDC) xurdiu para formalizar unha relación profesional entre os grupos das áreas de Química e Bioloxía da Universidade da Coruña e do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC). Búscase así desenvolver unha axenda científica común centrada en resolver retos sociais no ámbito da Bioloxía, a Química e as Ciencias da Saúde.

Na actualidade está composta por 24 grupos, que teñen como áreas de investigación a prevención de enfermidades mediante a mellora da alimentación, o estudo de factores ambientais e contaminantes que inciden na saúde, a análise de novos axentes para diagnose e terapia, a aplicación de ferramentas TIC e biotecnolóxicas e o desenvolvemento de técnicas, nanomateriais e biomoléculas con aplicación na medicina.