Máis da metade dos perfís profesionais de futuro para Galicia teñen como base as competencias STEAM

Carmen Pomar presentou esta mañá o Catálogo impulsado pola Consellería para analizar as ocupacións estratéxicas de cara a 2030
O Catálogo de perfís profesionais de futuro identifica os 30 roles que máis demandarán as empresas no medio prazo
Para a súa elaboración fíxose unha exhaustiva análise sectorial do territorio e consultáronse máis de 400 expertos
Mar, 02/07/2019 - 13:03

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o director da Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA), Javier Pereiro, presentaron esta mañá o Catálogo de perfís profesionais de futuro elaborado por encarga do departamento educativo da Xunta de Galicia para adaptar a oferta universitaria ás ocupacións estratéxicas de cara a 2030. Segundo o estudo, contemplado xa no Plan de Excelencia do Sistema Universitario de Galicia, máis da metade destes perfís profesionais que demandarán os sectores estratéxicos galegos no medio prazo terán como base as competencias STEAM, isto é, competencias tecnolóxicas e científicas combinadas coas asociadas á arte e á creatividade e o deseño.

Carmen Pomar quixo destacar que o seu departamento leva xa tempo traballando nesta liña, tanto no ensino universitario coma no non universitario. De feito, o Mapa de Titulacións acordado entre a Xunta de Galicia e as universidades galegas xa ten en conta esta tendencia, de tal forma que o vindeiro curso se incorporarán ao sistema 4 novas titulacións moi relacionadas con estas competencias: o Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos no Campus da Coruña, o Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos no Campus da Coruña, o Grao en Xestión Dixital de Información e Documentación no Campus de Ferrol, e o Grao en Robótica no Campus de Lugo.

Así mesmo a Consellería está a desenvolver a estratexia STEM máis ambiciosa de todo o Estado, enmarcada en Edudixital 2020, a través da que a robótica e a formación nas Tic están xa presentes nos centros educativos de primaria e secundaria de Galicia, “precisamente para espertar todas esas vocacións científico tecnolóxicas que precisaremos no futuro para dar cobertura aos sectores que máis emprego van xerar”. Non en balde, o Catálogo presentado hoxe sinala que unha característica común de todos os roles profesionais que están por vir é que necesitarán dispoñer de sólidas competencias dixitais.

Competencias persoais

Carmen Pomar fixo fincapé tamén na importancia que o Catálogo concede ás competencias persoais (soft skills) como un factor crítico nos roles profesionais do futuro, que se caracterizarán polo seu elevado grao de cualificación e especialización. “serán as competencias persoais (soft skills) as que funcionen como elemento diferencial e determinen a empregabilidade dos titulados universitarios, así como as competencias asociadas a valores”, destacou.

Neste sentido lembrou que o desenvolvemento destas aptitudes (traballo en equipo, pensamento crítico, intelixencia emocional ou responsabilidade medioambiental e social, entre outras) non se realiza só no ensino universitario, senón que é preciso as idades máis temperás. “A través dos contratos-programas e de diferentes iniciativas  estamos a traballar na xestión do talento entre os máis novos de cara ao seu futuro”, sinalou.

Linguas estranxeiras

Por outra banda a conselleira destacou que o estudo conclúe que as competencias en inglés deixarán de ser unha cualidade a valorar do candidato, para converterse nun requisito sine qua non para a súa contratación.

A este respecto explicou que xa se está a avanzar no bo camiño, tanto nas idades máis temperás coa estratexia Edulingüe 2020, como a través da posta en marcha de grupos en inglés nos graos universitarios, unha medida establecida no Plan de Excelencia do Sistema Universitaria de Galicia para implantar. De feito, no pasado curso xa se habilitaron 4 graos con grupos en inglés nas universidades galegas.

Un estudo pioneiro

O Catálogo de perfís profesionais de futuro enmárcase no proxecto Galicia 2030: Perfís profesionais de futuro e novas titulacións e especialidades universitarias. O Catálogo é o resultado da primeira fase desta iniciativa, que se completará cunha análise exhaustiva do mapa actual de titulacións do Sistema Universitario Galego e o seu cotexo co Catálogo, unha análise internacional de universidades e titulacións de interese, a definición preliminar de novas titulacións e especialidades, así como con novas actividades participativas e de contraste con expertos do ámbito empresarial e académico que contribuirán a afinar a proposta definitiva de novas titulacións e especialidades universitarias no horizonte temporal 2030.

Para elaborar o Catálogo identificáronse as 19 principais macrotendencias tecnolóxicas, medioambientais e socioeconómicas que inflúen na actividade económica e no emprego e seleccionáronse os 22 sectores estratéxicos con maior capacidade de tracción da economía e o emprego na nosa Comunidade, que abranguen un volume de arredor do 75% do emprego e do 90% do PIB galego.

Tras isto, elaborouse unha ficha sectorial para cada un deles, na que se inclúe a futura tipoloxía de emprego, os roles profesionais máis demandados nos próximos anos e algunhas conclusións ou recomendacións achegadas polos expertos; e fíxose unha identificación preliminar de competencias e novos perfís profesionais de futuro, para configurar 30  roles profesionais. Toda a información recollida contrastouse con máis de 400 expertos en diferentes actividades colaborativas e sectoriais.

Trátase, polo tanto, dun estudo moi exhaustivo e pioneiro polo elevado número de expertos e entidades empresariais, sociais  e institucionais que colaboraron, polo seu carácter sectorial, partindo dun coñecemento profundo do territorio e das súas posibilidades; así como por identificar as necesidades futuras en materia de formación e emprego transmitidas en primeira persoa polo tecido empresarial da nosa Comunidade. “A seriedade, a profundidade, a rigorosidade, o número de actividades, e as ferramentas utilizadas dan a este estudo un plus sobre os realizados ata o momento, o que o vai converter no referente a nivel nacional para orientar un mapa de titulacións universitarias na vindeira década”, sinalou a conselleira.

Adiantarse ao futuro

A conselleira explicou que este proxecto é froito da decisión da Xunta de Galicia de dar un paso adiante para anticiparse ao entorno cambiante no que vivimos, no que as empresas precisan cada vez profesionais máis cualificados e especializados. “A capacidade de anticipación a estas demandas é un aspecto crítico para todo sistema educativo que aspire a ser efectivo en termos de empregabilidade e retención do talento”, sinalou.

Carmen Pomar comprometeuse a seguir traballando, xa na segunda fase deste estudo, para construír xunto coas tres universidades galegas un novo Mapa de Titulacións que cumpra as características que se revelan como fundamentais neste estudo. Desta forma, o proxecto “permitirá á Universidade galega manterse á vangarda do coñecemento e seguir desempeñando o seu papel chave como motor de desenvolvemento do territorio e principal xerador de talento cualificado”, dixo.