Carmen Pomar participa na inauguración das II Xornadas Intelixencia Artificial e Desenvolvemento Humano

Ven, 28/06/2019 - 11:54
Carmen Pomar participa na inauguración das II Xornadas Intelixencia Artificial e Desenvolvemento Humano

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou esta mañá na inauguración das  III xornadas Intelixencia Artificial e Desenvolvemento Humano, centradas na transformación da educación por e para a Intelixencia Artificial e organizadas polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (CiTiUS), pola Cátedra Microsoft da Universidade de Valencia e pola Red Empresa y Administración.

A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou a importancia de abordar as novas tecnoloxías desde o ensino para que o alumnado adquira competencias que lle van ser fundamentais no futuro. Neste sentido sinalou o papel dos docentes e da formación permanente do profesorado para afrontar “un cambio profundo das prácticas pedagóxicas, no que as metodoloxías innovadoras e o tratamento transversal en proxectos, contidos e actividades se orientan a formar cidadás e cidadáns creativos e flexibles, capaces de adaptarse á continua necesidade de novos coñecementos e destrezas que lles vai demandar o mundo laboral”.

O encontro ten o obxectivo de analizar a estratexia estatal e europea nesta materia e tratar os retos que supón a Intelixencia Artificial para o ensino. Neste sentido, ao longo das xornadas analizarase a incidencia da mesma na formación do profesorado en STEM, desde a perspectiva da necesidade dunha educación que afonde nas competencias dixitais. Así mesmo, abordarase a formación en Intelixencia Artificial en ámbitos como o dereito, a economía ou a empresa. Ademais da conselleira participaron na inauguración o reitor da USC, Antonio López, o subsecretario de Ciencia, Innovación e Universidades do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, Pablo Martín; Ricard Martínez, da Cátedra Microsoft e Gabriel López, Government Affairs director de Microsoft.