Educación recoñece as boas prácticas de 8 centros cos Premios a Proxectos de Formación Permanente do Profesorado

A conselleira presidiu hoxe a entrega dos galardóns correspondentes ao curso 2017/18
Os plans teñen como obxectivo mellorar a organización e xestión dos centros, así como a súa contorna, ou contribuír á elaboración e uso de recursos multimedia interactivos
Os CFR e o CAFI prestan apoio no deseño e supervisan o seu desenvolvemento
Mér, 19/06/2019 - 15:58

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiu hoxe a entrega dos Premios a Proxectos de Formación Permanente do Profesorado 2018 a través dos que se recoñece a calidade dos plans de formación deseñados polos propios colexios e institutos e desenvolvidos no curso 2017/18.

Durante a súa intervención a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou “o grao de responsabilidade” co que os docentes galegos afrontan o compromiso da formación continua. Segundo a conselleira, ademais de dar visibilidade ás boas prácticas docentes, os galardóns entregados hoxe “serven para incentivar a outros centros a emprender proxectos semellantes, porque con eles mellora a organización e xestión interna e a implicación das familias, ademais de xerar recursos multimedia interactivos de moita utilidade”.

Por provincias, os centros recoñecidos polas súas boas prácticas foron, na Coruña, o CEIP Plurilingüe de Palmeira (Ribeira), o CEIP Plurilingüe San Marcos (Abegondo) e o CEIP Plurilingüe Os Casais (Fene); mentres que en Lugo foi premiado o IES Plurilingüe Fontem Albei (A Fonsagrada) e en Ourense o CEE O Pino, da cidade das Burgas. Na provincia de Pontevedra foron galardoados o CEIP de Portonovo (Sanxenxo), o CEIP Nosa Señora das Dores (Forcarei) e o IES Valadares (Vigo).

Para a concesión dos premios valorouse o contido innovador e transferibilidade do proxecto, os recursos tecnolóxicos utilizados, o traballo multidisciplinar e en equipo, o grao de implicación da comunidade educativa, os recursos achegados á comunidade e o desenvolvemento das competencias profesionais docentes a través destes proxectos. Así mesmo, tívose en conta a existencia  dun sistema de avaliacións relativo á implantación e desenvolvemento do proxecto e o nivel de logro acadado.

Implicados 7 de cada 10 centros

No curso 2017/18 sete de cada dez centros de ensino públicos (un total de 688 centros) desenvolveron un Plan de Formación Permanente do Profesorado (PFPP) con unha ou máis liñas formativas, plans que teñen como obxectivo perfeccionar as competencias profesionais dos docentes.

Os proxectos están baseados na análise e detección das necesidades educativas do centro e propoñen estratexias de carácter didáctico e metodolóxico por medio do traballo colaborativo e adaptado a cada contexto. A súa finalidade é mellorar o ámbito organizativo ou a xestión dos centros, afectarlle cualitativamente á contorna familiar e institucional ou contribuír á elaboración e uso de recursos multimedia interactivos. Todos e cada un deles están deseñados co apoio dun Centro de Formación e Recursos (CFR) ou do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e son desenvolvidos baixo a súa supervisión.