Carmen Pomar salienta a paridade entre os finalistas do Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos para fomentar a colaboración entre o alumnado

A conselleira participou na entrega dos premios do IX Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos

O certame ten como obxectivo fomentar o interese dos estudantes pola Estatística e a Investigación de Operacións

Mar, 18/06/2019 - 16:04
Carmen Pomar salienta a paridade entre os finalistas do Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos para fomentar a colaboración entre o alumnado

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na entrega dos premios do IX Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos, onde salientou a paridade na composición dos grupos finalistas, “unha paridade que me fai sentir un grande orgullo”. Neste sentido felicitou ás alumnas participantes, “porque o seu número demostra un importante avance na ruptura da fenda de xénero nas vocacións científicas e tecnolóxicas”.

Carmen Pomar quixo destacar tamén o valor deste certame para fomentar a colaboración entre o alumnado, xa que o proxecto que deberon elaborar os escolares “obrigouvos a traballar en equipo, a ser responsables, a madurar, a relacionar coñecementos, a pensar e buscar solucións a problemas cos que non contabades”. Así mesmo, sinalou que este concurso permitiu ao alumnado coñecer mellor a súa contorna e aplicar os coñecementos adquiridos a outros ámbitos da vida diaria e dos estudos. “Quero felicitarvos a todas e a todos, con independencia dos premios que entregaremos a continuación, polo esforzo, polas horas extra de estudio e preparación, polo compromiso e a ilusión que puxestes nos vosos proxectos”, dixo.

A conselleira lembrou que o seu departamento é consciente da necesidade de impulsar a formación científica desde as idades máis temperás, o que se desenvolve a través dunha completa estratexia STEM, que inclúe diferentes iniciativas, como as materias de Robótica e Programación ou os clubs de ciencia. Así mesmo, sinalou que as novas ferramentas tecnolóxicas empregadas en iniciativas como este certame, nun sistema educativo intelixente, contribúen a desenvolver o talento do alumnado e incrementar a súa creatividade. “Agardo que a experiencia de hoxe vos abra os ollos ao mundo novo que se presenta ante vós”.

O obxectivo da iniciativa é fomentar o ensino e a aprendizaxe da Estatística nos niveis educativos non universitarios, difundir a importancia desta disciplina na vida real e académica e espertar o interese dos estudantes nesta materia e na Investigación de Operacións, a través da proposta de realizar por eles mesmo un estudo estatísticos coas súas diferentes fases. O certame, que conta con diferentes categorías segundo o nivel que cursan os participantes, está organizado pola Sociedade Galega para a promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO).

Na categoría dirixida a alumnado de 1º e 2º de ESO resultou gañador o traballo Coches vs. CO2, do IES Agra do Orzán (A Coruña), da autoría de Pablo Araújo Rodríguez, Ignacio Canosa Gómez, Sabela Fiaño García e Andrea G. Ugarte Cervantes, coa titora María Ángel Martínez Rodríguez.

Pola súa banda, foi finalista Días co galego e +, ¿Funcionou no IES Pontepedriña?, do IES A Pontepedriña (Santiago de Compostela), da autoría de Xalo Cámaras Salgueiro, Valentín Giovanni Ferotti Brizuela, Óscar González Noya e Daniel Iglesias López, co titor Daniel Blanco.

As mencións especiais nesta categoría foron para Roles e violencia de xénero no noso entorno educativo e familiar, do IES A Basella (Vilanova de Arousa), da autoría de Lucía Urcera Juncal, Maika Vázquez González, Sara Vitoria Oubiña Assis e Roi Chirinos Conde, coa titora Rebeca García Rodríguez; e para Hai violencia ou acoso escolar no meu instituto?, do  IES Arzobispo Xelmirez 2 (Santiago de Compostela), da autoría de José Balsa Iglesias, Laura Fariña González, Marta Prado Ramos e Lara Vicente Gómez, coas titoras Ana María Alonso Rodríguez e Mª del Pilar Figueroa Vázquez.

Na categoría dirixida a estudantes de 3º e 4º de ESO o proxecto gañador foi Perfilando o risco, do IES de Cacheiras (Teo) e o IES Nº 1 (Ribeira), da autoría de Daniel Abad Santiago, Laura Alonso Simón, Alejandra Guimeráns Guillén e Lucía Santiago Fernández, coas titoras Trinidad Pazos e Olga Simón.

Pola súa banda, foron finalistas O efecto Rock and Roll, do CPI de San Vicente (A Baña), da autoría de Adrián Manteiga Becerra, Érika Otero Vázquez, Andrés Seoane Cancela e Nicolás Andújar Negreira, coa titora Paula Blanco Mosquera; e O debate do X, do IES Ánxel Fole (Lugo), da autoría de Lucía Buján Vázquez, Iria Barreiro Rebolo, Adrián Guerra Díaz e Hugo Lozano Fernández, coa titora Laura Calaza Díaz.

A mención especial nesta categoría foi para Orgullo e prexuízo, do CPI de San Vicente (A Baña), da autoría de Noa Quintáns Rey, Sarai Fariña Arosa, Alba Neira Caldas e Carlota Rodríguez Rivas, coa titora Paula Blanco Mosquera.

Fases do proxecto

Antes de chegar á final, os participantes elaboraron un proxecto de Estatística ou Investigación de Operacións estruturado en dúas fases: unha primeira de recollida de datos e outra de análise estatística e interpretación de resultados.

Primeiro realizaron unha sondaxe sobre un tema de interese xeral ou de interese para o centro educativo ou o seu ámbito, deseñando eles mesmos a planificación e o cuestionario de preguntas. A continuación desenvolveron un plan experimental para comparar dous produtos, dous tratamentos ou outras situacións similares, sempre arredor do tema tratado. Para iso deberon empregar as bases de datos dos institutos oficiais de estatística (EUROSTAT, INE, IGE, etc.) ou doutros organismos e institucións.

Unha vez rematada esta primeira fase, os participantes tiveron que elaborar un informe de resultados, onde especificaron o obxectivo principal da investigación e os obxectivos específicos que querían conseguir co traballo. Os 5 proxectos finalistas deberon preparar, ademais, unha presentación, que expuxeron esta mañá na fase final do concurso.

O acto celebrouse na Facultade de Matemáticas de Santiago de Compostela e nel, ademais da conselleira, participaron a vicerreitora de Titulacións da USC, María Victoria Otero Espinar; a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón; o subdirector de Produción Estatística do IGE, Manuel Mateo Díaz; a secretaria xeral da SGAPEIO, María José Ginzo Villamayor; e a presidenta do xurado do certame, Covadonga Rodríguez-Moldes Rey.