A Xunta de Galicia contribúe a difundir a figura de Castelao no 125 aniversario do seu nacemento

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos promoven unha exposición itinerante sobre a súa vida e a súa obra, que percorrerá as bibliotecas nodais e os centros educativos

Os responsables dos dous departamentos, Anxo Lorenzo e Francisco López, inauguraron hoxe a mostra na Biblioteca Nodal de Pontevedra

Mér, 22/06/2011 - 14:20
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o director xeral do
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, inauguraron hoxe na Biblioteca Nodal de Pontevedra a exposición "Castelao"

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, inauguraron hoxe na Biblioteca Nodal de Pontevedra a exposición Castelao. Con motivo do 125 aniversario do nacemento do escritor de Rianxo, a Xunta de Galicia, a través destes dous departamentos, promove esta mostra itinerante que percorrerá nos próximos meses as bibliotecas nodais da comunidade galega e os centros escolares, co fin de achegarlle á sociedade a figura e a obra de Castelao.

Durante a inauguración, o responsable de Política Lingüística afirmou que “intentar comprender a Galicia do século XX sen nos deter na figura de Castelao resultaría, sen dúbida, unha tarefa incompleta, parcial e orfa”. “De aí a importancia –engadiu– de favorecer iniciativas concibidas como unha actividade de divulgación e de espallamento do seu legado, do seu papel na construción da nosa historia e da nosa identidade cultural e política, entre a sociedade dos nosos días”.

A lingua galega na obra de Castelao

Así mesmo, o secretario xeral explicou que “os capítulos máis importantes da andaina vital e profesional de Castelao se van sucedendo a través das palabras e das imaxes destes sete paneis, igual que se sucede o seu talento artístico, literario e político nas diferentes vertentes da súa polifacética obra, onde a lingua galega é unha constante”. Ao fío disto, Anxo Lorenzo incidiu na “preocupación de Castelao pola situación e polo futuro do idioma, que está presente nas súas viñetas, na súa obra narrativa e ensaística, no humor irónico e sarcástico en que se asenta a súa crítica social e na súa faceta como político”. “Castelao –dixo– reafirmou a lingua propia de Galicia como o elemento que singulariza e que une o seu pobo. Agora tócanos a nós estar á altura deste legado inestimable e alimentar a semente dos seus esforzos a prol do galego”. 

Por outra banda, o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, destacou que “a inmensa potencia artística de Castelao merece esta actualización e esta homenaxe”, que coincide coa celebración do 125 aniversario do seu nacemento. Francisco López amosouse convencido de que Castelao “estaría orgulloso deste país, onde a cultura se espallou a todos os recunchos, ao mesmo tempo que se vertebraba una sociedade con identidade propia”.

Lembranza de Castelao para “afrontar o futuro con confianza”

O director xeral apostou por transmitirlle á xuventude “o traballo que levaron a cabo as persoas que puxeron a súa fe nas posibilidades de Galicia”, en referencia aos membros da Xeración Nós e, especialmente, a Castelao. Francisco López recoñeceu que “aínda hai moito por facer”, pero fixo fincapé en que a lembranza de Castelao que se fai na exposición “é a dunha traxectoria vital que queremos ter para afrontar o futuro con confianza”.

A exposición está comisariada por Xosé Ramón Fandiño, quen afirmou durante a presentación que “Castelao é, xunto con Rosalía, o máis xenuíno expoñente da alma histórica de Galicia e a súa obra vén ser algo así como unha agra aberta para o coñecemento do devir histórico de Galicia”. “Por iso –engadiu– é unha delicia do corazón e dos sentidos poder traballar sobre calquera das súas actividades ou para ofrecer unha visión global da súa personalidade”.

Un percorrido pola vida e a obra de Castelao

Para conmemorar o 125 aniversario do nacemento de Castelao, a Xunta de Galicia promoveu esta exposición itinerante que, a través de sete paneis con desenvolvemento teórico e complementada con sistemas interactivos e música ambiental galega, repasa a súa biografía e os acontecementos da súa polifacética personalidade.

O contido da mostra fai un percorrido pola obra e a vida de Castelao desde a súa infancia en Rianxo e a adolescencia como emigrante na Pampa arxentina, ata o exilio, primeiro en Nova York e despois en Bos Aires. Nese percorrido, a exposición recolle os aspectos máis salientables da súa faceta de escritor, de artista gráfico, de debuxante e de político. Os seus primeiros pasos como debuxante e caricaturista, a incorporación en 1917 ás Irmandades da Fala, a súa traxectoria como deputado pola provincia de Pontevedra nas Cortes Constituíntes de 1931 ou seu papel na fundación do Partido Galeguista son algúns dos episodios que nos achega a exposición.

Logo do seu paso pola Biblioteca Nodal de Pontevedra, a mostra realizará a súa próxima parada en Santiago de Compostela, onde estará desde o 13 ao 31 de xullo.