A Xunta convoca 500 meses de licenzas de formación para os docentes non universitarios

O portal educativo publica hoxe as condicións para participar neste programa
Sáb, 08/06/2019 - 09:00

A Consellería de Educación Universidade e Formación Profesional vén de publicar a convocatoria de 500 meses de licenzas por formación para o curso 2019/20 destinadas ao funcionariado docente non universitario. As condicións para solicitalas poden consultarse no Portal Educativo.   

A duración de cada unha das licenzas será de entre un e tres meses, de acordo co cronograma do proxecto aprobado. Os permisos, todos eles retribuídos, poderán solicitarse para diferentes modalidades. Deste xeito, poderán solicitarse licenzas para proxectos individuais ou en grupo para a creación de materiais curriculares dixitais para segundo ciclo de educación infantil, educación primaria, bacharelato e FP e atención á diversidade, así como para a elaboración ou adaptación de materiais curriculares plurilingües para as ensinanzas de formación profesional e para a creación de cursos non presenciais para a formación do profesorado. Asemade, poderanse solicitar para o perfeccionamento de linguas estranxeiras no exterior co obxecto de conseguir a cualificación necesaria para promover a creación ou continuación do programa de seccións bilingües ou centros plurilingües.

O obxectivo destas licenzas é facilitar o acceso do persoal docente á formación permanente, no marco da notable transformación que a función docente experimentou nos últimos anos. Así, a través delas, ofértase unha modalidade formativa de máis longa duración respecto das incluídas no Plan de formación do profesorado, nun contexto de implicación activa do profesorado no seu deseño e de acordo coas principais liñas de traballo marcadas para o sistema educativo, neste caso as linguas estranxeiras e a elaboración de materiais didácticos dixitais.