Carmen Pomar destaca a entrega ao ensino de Andria Zafirakou, gañadora do Global Teacher Prize

A conselleira de Educación presentou o relatorio desta docente no ciclo de conferencias Diálogos de educación

O Centro de Formación e Recursos de Pontevedra organiza esta actividade co gallo do seu 25 aniversario

Lun, 27/05/2019 - 19:10
Carmen Pomar destaca a entrega ao ensino de Andria Zafirakou, gañadora do Global Teacher Prize

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presentou hoxe o relatorio co que a profesora gañadora do Global Teacher Prize, Andria Zafirakou, pechou o ciclo de conferencias dos Diálogos de Educación organizados polo Centro de Formación e Recursos (CFR) de Pontevedra, dependente do departamento educativo da Xunta de Galicia.

A conselleira destacou a figura de Zafirakou “á que o seu alumnado considera unha heroína e da que os seus compañeiros destacan a súa enerxía e entusiasmo contaxiosos, que os impulsa a chegar máis lonxe nos seus proxectos”. Carmen Pomar explicou que esta docente, para gañar a confianza do seu alumnos e as súas familias, aprendeu as palabras básicas das súas 35 linguas natais, modificou o currículo para facelo relevante para as distintas comunidades e abriu horas extraescolares para que os menores que non poden estudar na casa o poidan facer na escola, entre outras accións significativas.

“Permítanme que comparta a miña admiración por ela e a honra que supón para min ter a ocasión de darlle a palabra á galardoada como mellor profesora do mundo, unha persoa que adora o que fai e que non se imaxina facendo ningunha outra cousa”, dixo a conselleira.

Andria Zafirakou recibiu o prestixioso recoñecemento Global Teacher Prize 2018 polo seu traballo como docente de alumnado e familias dun dos barrios máis deprimidos de Londres, o de Brent. Zafirakou traballa tanto co alumnado como coas súas familias para chegar á complexidade de cada unha delas e deseñar desde ese coñecemento o plan de estudos. Ademais desenvolveu iniciativas como a creación de horarios específicos de deporte como o cricket para nenas, de tal forma que poidan participar as das familias máis conservadoras.

Entre outros logros, froito do seu traballo como profesora de arte e téxtiles, a escola na que traballa (Alperton) recibiu o estatus de escola especializada en artes visuais. Ademais, Alperton está no grupo do 5% de escolas que melloraron o rendemento do alumnado e gañou o premio Marca de Platino de Desenvolvemento Profesional do Instituto de Educación (contan con el menos de 10 escolas).

Diálogos de Educación

O relatorio de hoxe pecha o ciclo de conferencias Diálogos de Educación, organizado polo Centro de Formación e Recursos (CFR) de Pontevedra co gallo do seu 25 aniversario, e no que se se abordan temas de actualidade no eido do ensino. O obxectivo do ciclo foi dar a coñecer distintas visións dos modelos educativos e reflexionar sobre a importancia da implicación de todos os membros da comunidade escolar, co fin de formar a un profesorado que dea respostas ás necesidades e demandas da sociedade (pluriligüismo, traballo colaborativo, potenciación de ámbito STEM ...)

Desde o inicio das sesións, en novembro de 2018, participaron nesta actividade o gañador da primeira medalla da esgrima española nuns Xogos Olímpicos (en Pequín 2008), José Luis Abajo Pirri, o membro do gabinete do Comisario europeo de Educación, Cultura, Xuventude e Deportes, Rodrigo Ballester; o filósofo, ensaísta e pedagogo José Antonio Marina, o doutor en Bioloxía e profesor de xenética da Universidade de Barcelona David Bueno e o psiquiatra, investigador e profesor Luis Rojas-Marcos.