Galicia vai equiparar con outras CCAA o peso do horario lectivo dos mestres, sen aumentar a súa xornada laboral de 37,5 horas

A Consellería de Educación proporá na mesa sectorial unha modificación da parte lectiva da xornada semanal, que se mantén en 37,5 horas

Deste xeito, a carga lectiva gañará protagonismo na actividade dos docentes

Co mesmo número de horas traballadas á semana os mestres poderán dedicar máis tempo á atención dos escolares

Outras dez comunidades autónomas están xa a aplicar as 25 horas e ningunha contempla menos de 23

Dom, 19/06/2011 - 11:25

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria proporá o vindeiro martes 21 na mesa sectorial do ensino non universitario un maior peso do horario lectivo dentro da xornada laboral do persoal docente de infantil, primaria e secundaria, de tal maneira que, sen aumentar a súa xornada de 37,5 horas semanais, pasen a dar clases 25 en lugar de 21 horas.

Con esta modificación, Galicia busca equiparar a carga lectiva dos mestres galegos á do resto das Comunidades Autónomas, en prol dun maior apoio docente que redunde nunha mellora da calidade educativa. De feito, Cataluña vén de incrementar a xornada do seu profesorado, de 23 a 24 horas semanais e, en termos globais, 10 das 17 Comunidades Autónomas aplican as 25 horas que agora propón a Consellería para Galicia

Neste momento, desde a redución de 4 horas lectivas operada polo anterior goberno no 2007, Galicia é Comunidade Autónoma na que os mestres teñen menor carga lectiva. Así, dez Comunidades (Andalucía, Aragón, Navarra, Baleares, A Rioxa, Estremadura, Madrid, Comunidade Valenciana, Asturias e Cantabria) aplican xa as 25 horas, mentres que tres teñen 24 horas lectivas (Cataluña, Castela e León e Canarias), e as tres restantes aplican 23 horas (Castela A Mancha, Murcia e País Vasco)

Maior dedicación

O reordenamento da xornada laboral permitirá ademais que o profesorado poida atender aos alumnos usuarios do transporte escolar desde que este chega ao centro educativo ata que entran nas aulas, e desde que rematan as clases ata que suban ao autobús. Desta forma dáse resposta ás familias, que viñan demandando acompañamento para as súas fillos neses momentos sen clase, sobre todo no caso das alumnas e alumnos de menor idade.

A ampliación da carga lectiva permitirá aumentar as actividades de reforzo e apoio por parte do profesorado, de xeito especial no que toca á atención a diversidade e á atención a alumnos con dificultades de aprendizaxe. Pero tamén servirá para apoio a outros mestres ou substitucións breves.

Cómpre lembrar, neste sentido, que dentro destas 25 horas lectivas semanais se inclúen as gardas, os recreos e, a partir do vindeiro curso, a recepción e despedida dos escolares no transporte.