A Consellería de Educación convoca as axudas ao alumnado universitario con dificultades económicas por causas sobrevidas

No presente curso o departamento educativo da Xunta de Galicia axudou aos estudantes que máis o necesitan coa concesión de 34 destas bolsas

Deste xeito o goberno galego colabora para que os estudantes afectados por problemas imprevistos poidan continuar cos seus estudos

Sáb, 18/06/2011 - 12:48

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar, no marco da súa política social, as axudas ao alumnado do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que teña dificultades económicas ocasionadas por causas sobrevidas ou imprevistas, unhas bolsas que no presente curso beneficiaron a 34 estudantes.

Desta forma a Consellería de Educación quere contribuír a que as alumnas e alumnos das universidades galegas afectados por problemas como o falecemento dun proxenitor ou o desemprego do sustentador principal da familia poidan continuar cos seus estudos.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o día 30 de setembro aínda que, dado o obxecto destas bolsas, a comisión avaliadora procederá ao exame e, no seu caso, proposta de resolución, a medida que as solicitudes sexan presentadas. Deste xeito búscase dar resposta coa maior celeridade posible ás necesidades que poidan afectar de forma imprevista aos estudantes.

Requisitos

Os destinatarios da axudas son todos aqueles estudantes do SUG que se atopen en situación nas que exista a necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada dunha causa sobrevida ou imprevista, tales como orfandade absoluta, falecemento pai, nai ou titor legal, desemprego do sustentador principal, enfermidade grave, violencia de xénero, ser vítimas de actos terroristas, ruína ou quebra familiar, entre outros.

Para poder acceder a estas axudas, os estudantes deben estar matriculados nun mínimo de 50 créditos en estudos universitarios presenciais conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico e arquitecto técnico en calquera das universidade do SUG.

Os bolseiros poderán percibir axudas de entre 1.250 e 2.500 euros. Todos aqueles interesados poden atopar a información precisa para optar a esta axuda accedendo ao enlace web http://www.xunta.es/dog/Publicados/2011/20110615/AnuncioC3F1-060611-2660...

Estas axudas constitúen unha mostra máis do compromiso da Consellería que, a pesares da situación de crise económica, está a facer un importante esforzo por dar axudas ao estudo a quen máis o necesitan.