Educación executará este verán 22 obras de rehabilitación integral ao abeiro dos fondos de superávit

O importe total ascenderá a 21,4 millóns de euros

Os traballos licítanse hoxe e a previsión é comezalos a mediados do mes de xullo

Ven, 10/05/2019 - 11:52

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional executará este verán un total de 22 obras de rehabilitación integral en centros de ensino das catro provincias galegas ao abeiro dos fondos de superávit, por un importe total de 21,4 millóns de euros. Así o sinalou o secretario xeral técnico, Jesús Oitavén, nunha comparecencia no Parlamento de Galicia na que explicou que isto será posible grazas a que o seu departamento encargou os proxectos destas intervencións no mes de decembro de 2018. Ademais, dado que a execución das obras é necesario o outorgamento das licencias municipais, “os proxectos foron todos remitidos na segunda quincena de abril aos concellos, polo que estimamos que haberá tempo suficiente”, indicou.

Jesús Oitavén destacou que a plataforma de Contratos de Galicia publica hoxe mesmo a licitación das devanditas 22 rehabilitacións, o que permitirá adxudicar as obras a finais de xuño e comezalas a mediados do mes de xullo, sempre e cando se outorguen as pertinentes licenzas municipais. Deste xeito, a meirande parte das obras de maior impacto e incomodidade podería quedar rematada no comezo do curso, de tal xeito que as restantes obras interfiran o menos posible na actividade lectiva.

Respecto dos centros escollidos para a realización das obras, o secretario xeral técnico sinalou que se actuou con criterios exclusivamente técnicos: “a antigüidade dos centros (construídos entre 1970 e 1985), o grao de necesidade das intervencións apreciada polas unidades técnicas provinciais e o número de alumnas e alumnos” (superior a 150, agás no caso da Fonsagrada e Cervo). Con esas características, os centros nos que se intervirá este ano e o orzamento para cada un son os reflectidos no seguinte cadro:

Concello

Centro

Importe

Carral

CEIP Vicente Otero Valcárcel

817.105,39

Santiago de Compostela

CEIP Raíña Fabiola

715.883,58

Arzúa

IES de Arzúa

1.070.743,73

Ferrol

CEIP Cruceiro de Canido

943.270,88

A Coruña

IES Monelos

946.523,26

Carballo

CEIP Fogar

1.614.908,87

Lugo

IES Muralla Romana

940.937,87

A Fonsagrada

CEIP Plurilingüe Santa María

1.011.676,09

Lugo

CEIP de Casás

826.923,23

Cervo

CEIP de Cervo

1.057.127,70

Foz

CEIP de Foz nº 1

914.376,08

Verín

CEIP Princesa de España

846.985,42

O Barco de Valdeorras

CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa

706.683,68

O Carballiño

CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo

872.816,74

Ourense

CEIP de Prácticas

1.054.797,06

Ourense

IES O Couto

969.591,28

Baiona

CPI de Cova Terreña

1.266.258,67

Cambados

IES Ramón Cabanillas

1.123.204,75

Pontecesures

CPI de Pontecesures

849.026,87

Cangas

CEIP do Hío

873.191,65

Marín

IES Illa de Tambo

1.175.517,89

Vigo

CEIP García Barbón

810.793,81

 

Plan de dotación de infraestruturas educativas

Tal e como lembrou Jesús Oitavén, estas obras enmárcanse no Plan de dotación de infraestruturas educativas, que vén de ampliar a súa vixencia nun ano para o período 2016-2021, ao abeiro do cal tamén está programada para este ano outras obras, tanto de nova construción como de reforma, ampliación e mellora de 8 actuacións de rehabilitación enerxética. De feito, informou que as 8 obras de rehabilitación enerxética “que comezarán este verán xa están actualmente adxudicadas”, en concreto as seguintes:

Concello

Centro

Importe

Teo

CEIP da Ramallosa

714.642,96

Noia

CEIP Felipe de Castro

677.032,47

Láncara

CPI Ramón Piñeiro

676.652,63

Lugo

CEIP Luis Pimentel

543.096,16

Maside

CPI Terras de Maside

500.000,00

Ourense

CIFP Portovello

521.949,42

Cerdedo-Cotobade

CEIP Tenorio

572.116,51

Vilagarcía de Arousa

CEIP Arealonga

616.710,25

 

O impacto total do Plan será, computando os tres anos executados e os dous programados (2019 e 2020) de 116 grandes actuacións, o que supón actuar no 10,6% dos centros. Territorialmente, isto supón actuar en 72 concellos, o 23 por cento da totalidade dos de Galicia e beneficiar a 33.067 alumnas e alumnos (o 13% do total), tal e como resumiu Jesús Oitavén.

Neste sentido Jesús Oitavén defendeu que se está a xestionar “un orzamento de preto de 200 millóns de euros para obras en seis anos”, aos que hai que engadirlle os 21,4 millóns de euros do superávit desde ano 2019 e os eventuais que se poidan derivar do superávit do ano 2020. “Isto só é posible cando as cousas se fan con traballo rigoroso”. Así mesmo incidiu en que o Plan de dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2021 “suporá a renovación dos centros educativos máis antigos, ademais dun compromiso medioambiental claro, a través das actuacións de rehabilitación enerxética”.

Ademais, explicou que “o investimento destinado a obra nova responde ás necesidades de incremento de prazas no sistema educativo público galego, especialmente nas zonas de maior crecemento demográfico; así como ao aumento da matrícula na Formación Profesional”.

Así mesmo, o secretario xeral técnico explicou que desde 2009 ata finais de 2018 a Xunta de Galicia ten executado en materia de obras en centros de ensino un total 266,8 millóns de euros. Tamén, destacou “un total de 166 grandes obras licitadas, dende maio de 2009 a maio de 2019, por un importe total de 150,2 millóns de euros. Entre elas, 16 novos colexios ou institutos, 54 grandes ampliacións e 38 rehabilitacións enerxéticas”.