Carmen Pomar mantén un encontro informativo coas direccións de centros de ensino da provincia de Pontevedra

Abordáronse cuestións de interese para os equipos directivos en materia de transporte ou comedores, entre outros
Ademais explicáronse as funcionalidades do Portal da Dirección, que xa está a disposición das persoas que ocupan estes cargos
Mér, 10/04/2019 - 12:16

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, mantivo hoxe unha reunión informativa con directoras e directores na que se abordaron asuntos de interese para os equipos directivos en materia de transporte, comedores ou programas de innovación, entre outros. A xuntanza enmárcase nunha rolda de encontros que se están a desenvolver coas persoas directoras nas 4 provincias.

No encontro, desenvolvido na Delegación da Xunta na cidade de Pontevedra, explicáronse tamén as funcionalidades do Portal da Dirección, un espazo que a Consellería vén de poñer a disposición das persoas que ocupan estes cargos. Enmarcado no web do departamento educativo da Xunta de Galicia pero centrado nas ferramentas e funcións directamente vencelladas aos equipos directivos, o portal ten como obxectivo potenciar a comunicación directa entre a Administración educativa e as direccións dos centros e destas últimas entre si para resolver dúbidas ou poñer en común experiencias.

Dende o punto de vista estrutural, os contidos contemplan as ferramentas de maior uso, como un espazo de destaques e eventos moi intuitivo, tanto para os anuncios que afectan á vida cotiá dos centros, como para as convocatorias que realice a Consellería. O portal divídese en 7 seccións: novas, eventos, normativa, documentación, aplicacións, foros e preguntas máis frecuentes (FAQS). En calquera caso, trátase dunha base dinámica que se irá enriquecendo para adaptala ás necesidades que se vaian detectando.

Por exemplo, en FAQS poden atoparse respostas a cuestións sobre protección de datos, as axudas de libros de texto e material escolar ou o procedemento de admisión, entre outras, nas que a Consellería pode ofrecer respostas de carácter xeral. As cuestións máis concretas poderán abordarse, como é habitual, a través da Inspección educativa en cada centro.

Os foros, dirixidos a mellorar a comunicación entre os diferentes equipos directivos, estrutúranse nun xeral e outro dedicado a cada tipo de ensinanza (Infantil e Primaria, Réxime Especial...). O seu obxectivo é que neles se podan intercambiar novas experiencias, boas prácticas, novidades ou temas de interese xeral.

Pola súa parte, na sección de documentación pode accederse circulares ou instrucións aclaratorias, así como dos formularios de uso común, así como aos protocolos; mentres que na de normativa poden realizarse buscas simplificadas de normas e acceder ás mesmas.

Ademais destas funcionalidades básicas, estase implementando unha ferramenta para gardar a documentación de uso común e necesaria na gobernanza do centro, que permita salvagardala en rede e compartila entre equipos directivos, así como outra para realizar as programacións e facilitar deste xeito o inicio do curso escolar.

Ao Portal da Dirección poden acceder as persoas que ocupan este cargo a través do seu enderezo electrónico e contrasinal.