A Xunta licita por máis de 1,4 millóns de euros a rehabilitación integral do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña)

O obxectivo da actuación é resolver as patoloxías que as instalacións do instituto foron acumulando a través da súa historia

Mar, 09/04/2019 - 10:26

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar na plataforma de contratación pública de Galicia a licitación da primeira fase da obra de rehabilitación integral do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda da Coruña, por un importe de 1.416.713,58 euros. O obxectivo desta actuación é resolver as patoloxías que as instalacións deste instituto foron acumulando a través da súa longa traxectoria en funcionamento, de máis de 150 anos. Así mesmo, búscase mellorar o  confort térmico interior e a eficiencia enerxética do edificio.

Cómpre ter en conta a dificultade engadida que estas especiais características supoñen para a obra de rehabilitación. Non en balde, o volume histórico do edificio está cualificado e protexido como edificio de excepcional valor arquitectónico integral, mentres que o ampliado no ano 1961 posúe unha cualificación de edificio de especial significación arquitectónica ambiental.

O proxecto de rehabilitación contempla actuacións sobre as cubertas, as fachadas e as carpinterías exteriores, así como sobre a pintura interior, os falsos teitos e as luminarias. Deste xeito, reporanse as partes danadas das cubertas e dos canlóns para garantir a estanqueidade da cuberta e renovaranse as baixantes por unhas novas de zinc.

No referido ás fachadas, no edificio histórico sanearase e renovarase completamente o revestimento existente sobre os muros de pedra e, nas zonas onde a pedra queda á vista, procederase a limpala e saneala para eliminar a sucidade orgánica e inorgánica que acumula. Ademais, aplicarase un tratamento consolidante natural para evitar a disgregación da parte superficial do material. No edificio moderno realizarase unha limpeza xeral dos paramentos existentes para, a continuación, actuar en función das necesidades de cada parte, aplicando illamento térmico ou un revestimento acrílico.

A falta de estanqueidade e illamento das carpinterías exteriores actuais solucionarase ben mediante a súa restauración, ben a través da súa substitución por unhas novas de madeira ou aluminio con rotura de ponte térmica. A decisión entre unha ou outra opción tomarase en base a criterios técnicos en función do estado de conservación das fiestras actuais.

En canto ás actuacións que se desenvolverán no interior, mudaranse os falsos teitos existentes nas aulas de Bacharelato e instalaranse nas de ESO. Así mesmo, pintaranse os paramentos interiores dos edificios, as varandas, radiadores e tubaxes; e renovarase a instalación de iluminación de todo o centro, colocando luminarias LED de menor consumo.