Educación, Fundación María José Jove e INGADA renovan a colaboración para a formación docente en TDAH

A conselleira Carmen Pomar participou na entrega dos premios de boas prácticas neste ámbito, que recaeron no CEIP Bouza Brey (Ponteareas) e o CPI Díaz Moreno (Baralla), con proxectos que incorporan a maxia, a música e o teatro á aula para o tratamento do alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade

Ven, 29/03/2019 - 12:07
Educación, Fundación María José Jove e INGADA renovan a colaboración para a formación docente en TDAH

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e mailas fundacións María José Jove e INGADA renovaron a colaboración iniciada en 2014 para a formación do profesorado na atención ao alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH).

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove, e o presidente da Fundación INGADA, Ángel Carracedo, asinaron esta mañá a addenda para levar a cabo a sexta edición deste programa formativo para o vindeiro curso 2019/12, nun acto no que tamén se procedeu á entrega da V Beca INGADA-Fundación María José Jove, de recoñecemento ás boas prácticas educativas no ámbito do TDAH, que nesta edición recaeu en dous centros, o CEIP Fermín Bouza Brey (Ponteareas) e o CPI Luís Díaz Moreno (Baralla).

A responsable de Educación do Goberno galego, Carmen Pomar, salientou que para avanzar no proceso de inclusión educativa e garantir a mellor atención ao alumnado con TDAH é necesario atender á formación do profesorado e á actualización permanente dos coñecementos adquiridos, como é o obxectivo do acordo asinado. Pomar destacou “os magníficos resultados” desta colaboración entre institucións como proba de que “os esforzos compartidos chegan moito máis lonxe”.

A conselleira expresou os seus parabéns aos responsables dos proxectos galardoados nesta edición, dos cales destacou a súa “alta calidade” e “profesionalidade”, así como aos finalistas, xa que todos eles -incluídos os participantes nas anteriores edicións- “promoven o desenvolvemento das potencialidades dos seus alumnos e alumnas que teñen que aprender  a convivir cun Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade”.

Formación do profesorado

Ao abeiro do convenio renovado hoxe, a través das Fundacións María José Jove e INGADA en colaboración coa Consellería poderán formarse ata un máximo de 350 docentes de primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, a razón de 50 prazas por cada un dos sete centros de formación do profesorado da Consellería nas catro provincias (os CFR da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo; e no CAFI de Santiago). Así mesmo, mantense a posibilidade de formación en liña a través dunha oferta a distancia que se implantou por primeira vez no curso 2016/17, con acceso a contidos e recursos.

O programa formativo consta de 25 horas de formación teórica e práctica impartida por un equipo multidisciplinar formado por profesores, pedagogos, psicólogos, logopedas, expertos en aspectos clínicos e prevención. Todos estes profesionais abordarán aspectos como os fundamentos clínicos do trastorno, o manexo na aula, ou as dificultades de lectura e escritura, entre outros.

Os docentes que participan no programa formativo deberán presentar un proxecto final que terá que ser aprobado polo equipo docente do curso. Posteriormente, as fundacións María José Jove e INGADA convocan unha beca, dotada con 3.000 euros, para o proxecto seleccionado polo comité avaliador.

Premiados na presente edición

Ademais da renovación do convenio, no acto de hoxe fíxose entrega da beca desta edición ao CEIP Bouza Brey (Ponteareas) e ao CPI Luís Díaz Moreno (Baralla), que, ao recaer en dous centros, reciben 2.000 euros cada un deles para que o vindeiro curso poidan implantar os seus proxectos.

Ambas propostas incorporan a importancia da creatividade na docencia mediante a música, o teatro e a maxia, e neles o xurado valorou a versatilidade, metodoloxía, estrutura, obxectivos posibles e lugar e tempo concreto de aplicación. 

En concreto, o CEIP Fermín Bouza Brey resultou premiado cun proxecto sobre a aplicación da maxia ao ensino que implica a toda a comunidade educativa e que beneficia ao conxunto dos escolares e, especialmente, de maneira directa ao alumnado con TDAH.

Pola súa banda o CPI Díaz Moreno foi galardoado cunha proposta baseada na introdución da música e o teatro ao día a día da escola, buscando que o alumno sexa capaz de comprender as súas propias emocións e as dos seus compañeiros e expresalas dunha maneira positiva.

Ademais destes dous centros gañadores, o xurado seleccionou como finalistas os proxectos do CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Ferrol (incorporación de técnicas de musicoterapéuticas), do IES Illa de Sarón de Xove (aprendizaxe coas mans) e do CEE María Mariño da Coruña (por terapias asistidas con animais).