Carmen Pomar salienta a importancia da capacitación tecnolóxica do alumnado, en especial das rapazas

A conselleira de Educación participou na apertura da xornada ‘Educación Dixital’
O evento presenta boas prácticas e formas concretas de usar as TIC para apoiar e realzar o proceso de ensino-aprendizaxe
Sáb, 23/03/2019 - 11:00

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na apertura da xornada formativa Educación Dixital, dirixida ao profesorado de todos os niveis educativos e incluída dentro da estratexia Edudixital 2020. O lema da xornada, en conmemoración do 50 aniversario da chegada á Lúa, e en relación aos avances en materia educativa e o esforzo e traballo docente, foi Un pequeno paso é un gran paso.

A titular do departamento educativo da Xunta salientou a importancia da capacitación tecnolóxica do noso alumnado, en especial de fomentar as vocacións STEM entre as rapazas para rematar coa fenda dixital de xénero, un dos principais obxectivos da Consellería. Así mesmo, indicou que no contexto da educación dixital outro dos retos do seu departamento é o de axudarlle “ao noso alumnado, nativo dixital, a utilizar a tecnoloxía ao seu favor e a tirar proveito de todo o seu potencial, mellorando tamén a convivencia nos espazos virtuais nos que socializa con naturalidade, e nos que precisa ferramentas que o axuden a construír e protexer a súa identidade dixital”.

A conselleira explicou que é necesaria a colaboración de toda a comunidade educativa para acadar os devanditos obxectivos e, moi particularmente, a de docentes como os que participan hoxe na xornada, que axudan a descubrir, canalizar e potenciar o talento individual. Neste sentido Carmen Pomar salientou a importancia de xerar e motivar procesos de aprendizaxe no alumnado e promover un ambiente propicio na escola que permita formar a nenas e nenos “para un mundo laboral no que o 65% dos empregos que se van desempeñar aínda non existen”.

Coñecementos e boas prácticas

A xornada, que se celebra no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela, mestura conferencias, obradoiros, aulas abertas e presentación de experiencias de centros de toda Galicia arredor do emprego das novas tecnoloxías no ensino. Organizada polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), ten como obxectivo reforzar as competencias profesionais docentes en relación coas tecnoloxías da información e a comunicación. Deste xeito, o evento permite que o profesorado actualice os seus coñecementos neste eido, comparta boas prácticas, experimente con novos dispositivos e metodoloxías e reflexione sobre as implicacións sociais e educativas do uso das novas ferramentas.

O evento conta coa participación de persoas divulgadoras, docentes e formadoras que presentarán boas prácticas e formas concretas de usar as TIC para apoiar e realzar o proceso de ensino-aprendizaxe e para empoderar ao alumnado. Deste xeito, o relatorio inicial, INSPIRA STEAM. Nunca permitas que a imaxinación limitada dos demais te limite, corre a cargo de Lorena Fernández; mentres que Juan Francisco Álvarez abordará o kit básico do docente competente dixitalmente e Pedro Cifuentes será o encargado da conferencia Sentido da marabilla, motor educativo do século XXI. Pola súa parte, Beatriz Calavia impartirá dúas charlas arredor dos ciberdelitos e da identidade e reputación dixital, na modalidade de ‘sala aberta’, un espazo para o debate e a reflexión onde os participantes poden compartir o seu punto de vista de xeito máis ou menos informal sobre un tema dado.

No referido aos obradoiros, Marco Vélez afondará na edición de vídeo e o chroma key, Pedro Cifuentes na narrativa gráfica en contextos dixitais e Andrea Doural amosará a posibilidade de vivenciar un xogo de fuga no terreo educativo a través da figura de María Victoria Moreno.

Canto ás experiencias de centro, presentarán as súas o CPI As Mirandas (Ares), o CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños), o CIFP Ferrolterra (Ferrol), os CPR Santa Xoana de Lestonnac e Sagrado Corazón (ambos de Ferrol), o IES Lamas de Abade (Santiago de Compostela), o CPI Ramón Piñeiro (Láncara), o IES Ribadeo Dionisio Gamallo (Ribadeo), o CEIP Valle-Inclán (O Grove), o CEIP Noalla (Sanxenxo), o CEIP Frián-Teis (Vigo) e os IES do Castro e Álvaro Cunqueiro (ambos da cidade da oliveira).