Xesús Vázquez Abad gabou o papel protagonista de equipos directivos e profesorado na mellora da calidade educativa

O conselleiro de Educación asistiu á entrega do ‘II Premio José Manuel Álvarez de Liberdade de Ensinanzas’

Ven, 10/06/2011 - 22:15

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe á entrega do II Premio José Manuel Álvarez de Liberdade de Ensinanza, onde se dirixiu a equipos directivos e profesorado para gabar “o voso papel protagonista na mellora da calidade educativa”.

Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia recordoulles que “os poderes públicos teñen a obriga de crear as condicións máis favorables para o exercicio real da liberdade de ensinanza e abundar na dignificación do labor docente e na maior implicación das familias na educación das súas fillas e fillos”. “Isto –engadiu- lograrase coa próxima aprobación da Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa”.

Durante o transcurso do acto, organizado pola Federación Autonómica de Centros de Ensino Privado (CECE Galicia), Vázquez Abad rememorou a figura do profesor Josér Manuel Álvarez “que traballou sempre na busca de novos retos pedagóxicos e a prol da liberdade en todos os eidos”.

“Vivimos, desde hai tempo –dixo- unha situación de crise tan profunda que chega a afectar aos valores. E temos que ser conscientes de que a educación é un piar básico no desenvolvemento económico e social dun país”, Así, insistiu na necesidade de “sumar esforzos e  traballar na mesma dirección para acadar, pese ás dificultades, os obxectivos”.

Os homenaxeados

CECE Galicia outorga cada ano este galardón a unha persoa ou institución que teña destacado na súa traxectoria profesional pola defensa e promoción da liberdade de ensinanza, tanto a nivel autonómico, como nacional ou internacional. Con este premio homenaxéase ademais ao que fora presidente de CECE Galicia, José Manuel Álvarez, falecido de forma repentina hai 2 anos, e que contribuíu ao longo da súa vida á defensa dos valores recoñecidos por este galardón.

Nesta segunda edición o galardón foi para Basilio Toyos Alonso, fundador do Colexio Divino Salvador e impulsor de CECE Pontevedra e CECE Galicia, onde ten desenvolvido unha longa traxectoria profesional en defensa da liberdade de ensinanza.

Ademais concedeuse a Insignia de Oro de CECE Galicia a persoas que pola súa traxectoria profesional teñen contribuído á mellora da educación na Comunidade Autónoma e ao desenvolvemento da tarefa asociativa desta organización. Neste caso os homenaxeados foron José Antonio Fraga Boullosa, María Martínez Gadea, Marta Toyos Pérez e, a título póstumo, Javier Martínez Randulfe.