Carmen Pomar salienta o papel dos Premios San Clemente no fomento da lectura e o espírito crítico entre os máis novos

Mér, 20/03/2019 - 20:44
Carmen Pomar salienta o papel dos Premios San Clemente no fomento da lectura  e o espírito crítico entre os máis novos

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, salientou hoxe o papel do Premio Arcebispo Juan de San Clemente -impulsado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago- no fomento da lectura e o espírito crítico entre os máis novos, que son os principais protagonistas deste galardón que se instaurou hai 24 anos.

A conselleira participou este serán no acto de entrega dos galardóns, que nesta XXIV edición recaeron en Marcos Calveiro (galardoado en lingua galega pola súa obra “O xardineiro dos ingleses”), Pedro Mairal (en lingua castelá por “La uruguaya”) e a surcoreana Han Kang (en lingua estranxeira, coa súa obra “La vegetariana”). Á entrega asistiu tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Carmen Pomar sinalou que este certame é “unha ferramenta eficaz” para fomentar a lectura entre o alumnado e, deste xeito, “potenciar o razoamento, mellorar o vocabulario e a capacidade expresiva” entre outros aspectos.

Ademais de felicitar aos galardoados, a conselleira estendeu os parabéns aos promotores deste premio -sobre todo docentes e alumnado-, que foron quen de lograr que “unha iniciativa que nace no seo dunha comunidade educativa local sexa hoxe un galardón literario de referencia internacional”.