Educación amplía ata o 24 de marzo o prazo para completar o II macrocuestionario on line sobre convivencia nas aulas

Poden participar familias, docentes e persoal non docente vinculado aos centros educativos, así como alumnado a partir de 5º curso de Primaria
Accédese a el a través dunha aplicación informática e cunhas claves aleatorias que a dirección de cada centro entrega aos seus membros
O cuestionario é totalmente confidencial, e o tempo medio para cubrilo é duns dez minutos
Sáb, 16/03/2019 - 10:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional amplía ata o domingo 24 de marzo o prazo para completar o II macrocuestionario on line sobre convivencia nas aulas, que ten como obxectivo actualizar os datos obtidos na primeira edición deste cuestionario elaborado a finais de 2015, e que serviu para obter, por primeira vez, unha radiografía da situación dos centros escolares de Galicia. Trátase, por tanto, de testar o pulso da convivencia de xeito continuado no tempo e coñecer a súa evolución, co obxectivo último de deseñar medidas específicas a prol da convivencia escolar que sexan o máis axeitadas á realidade existente.

Este macrocuestionario está dirixido ao conxunto da comunidade escolar, un colectivo dunhas 500.000 persoas entre as que se inclúen alumnado a partir de 5º curso de primaria, docentes, familias e persoal non docente, e para todas as etapas educativas (infantil, primaria, secundaria, FP, Bacharelato, escolas de idiomas e conservatorios de música).

O cuestionario -que xa está dispoñible- cóbrese a través dunha aplicación informática específica en liña, e son os directores dos propios centros os encargados de xerar as claves de acceso para todos os membros da súa comunidade educativa, de xeito totalmente aleatorio, garantindo así o anonimato dos participantes. Deste xeito, os destinatarios poden acceder ao cuestionario -coas claves aleatorias que lle asinen- a través de calquera dispositivo electrónico (ordenadores, móbiles, tabletas,…).

Trátase dun proceso totalmente privado e anónimo e, co fin de acadar os resultados máis obxectivos posibles, o contido das preguntas coñecerano cada un dos participantes no proceso no mesmo momento en que decide cubrir o cuestionario.

Para manter a súa fiabilidade, validez e consistencia interna, mantense o groso das preguntas da primeira edición, que están deseñadas en función do colectivo ao que van dirixidas.

Non obstante, introducíronse algúns cambios como a eliminación de ítems iniciais que non tiveron incidencia no estudo, e amplíanse preguntas sobre aspectos que, desde esa última enquisa, se teñen amosado como clave na escolaridade e que axuden aos centros a unha diagnose máis exhaustiva que permita unha mellor adaptación os seus propios plans de igualdade.

En total hai sete tipos de cuestionarios distintos en función do colectivo aos que vai dirixido, con menos de 20 preguntas sinxelas e directas por documento, polo que o tempo estimado para cubrilo é duns dez minutos.

Ao igual que ocorreu co anterior cuestionario, unha vez concluído o proceso, cada centro escolar recibirá os seus resultados debidamente organizados. E, a partir deles, deberá analizar o seu caso particular e implementar o seu propio Plan de Convivencia. A maiores, a Consellería realizará unha análise global da convivencia escolar en Galicia que sirva para orientar a toma de decisións desde evidencias sólidas.

Esta acción enmárcase dentro da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020 “educonvives.gal”, para afondar en medidas a prol dunha escola inclusiva e da mellora no clima nas aulas da nosa comunidade.