O sector dos traballadores autónomos implícase coa extensión da lingua galega no ámbito socioeconómico
O secretario xeral de Política Lingüística e representantes da directiva da Federación de Autónomos de Galicia valoran nunha xuntanza a colaboración prevista entre as dúas entidades para este ano a prol do fomento do galego
O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e representantes da directiva da Federación de Autónomos de Galicia (Feaga) veñen de manter un encontro no que tiveron ocasión de analizar os termos do convenio subscrito polas dúas entidades en 2011. Na reunión, que tivo lugar na sede da secretaría xeral, en Santiago de Compostela, participaron, por parte da federación, o seu presidente, Francisco Pérez, e a súa secretaria xeral, Paloma Sobrino.
Este marco de colaboración, que se mantén desde hai varios anos, serve para potenciar o uso do galego na actividade da propia federación, tanto nas relacións internas como externas, e tamén, dunha maneira importante, na presenza do idioma na documentación corporativa necesaria para o funcionamento das sete oficinas coas que conta a entidade. Así mesmo, o convenio incide na extensión da lingua galega entre as asociacións sectoriais e comarcais das catro provincias galegas que representan o conxunto dos traballadores autónomos de Galicia e que se integran na Feaga.
Concretamente, a colaboración coa federación permite realizar en galego os encontros e mostras de maior relevancia do sector en Galicia, como Femaga 2011, a XVIII Feira de Mostras de Autónomos de Galicia (paneis, comunicación externa e interna, cartelería etc.). Ademais, para promover as relacións internas do sector, este ano publicaranse en galego tres novos números do boletín informativo Os Autónomos e tamén se editará a obra III Congreso Nacional de Autónomos.
Prestación de servizos en galego
A implicación da federación no proceso de extensión do uso do galego entre o sector dos traballadores autónomos galegos tamén atinxe á utilización do idioma por parte da entidade no material divulgativo, na publicidade e nas campañas de ámbito provincial e autónomico, así como na prestación de servizos de atención ao público, tanto persoal como telefónica.
A colaboración con colectivos profesionais
Os principais axentes da economía galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística veñen traballando conxuntamente para ampliar e mellorar o uso do galego no tecido económico. Neste obxectivo común enmárcase a colaboración que mantén a secretaría xeral coa Federación de Autónomos de Galicia, así como con outras entidades representativas do sector socioeconómico Galego, como a Confederación de Empresarios de Galicia, a Asociación Provincial de Empresarios de Restauración e Hospedaxe de Santiago de Compostelala ou Foro Enrique Peinador.
Declaracións do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo