Carmen Pomar gaba o esforzo dos centros do rural por ofrecer un ensino para a igualdade de oportunidades

A conselleira de Educación visitou o CEIP de Maceda e o Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso (A Pobra de Trives)

Malia seren centros pequenos, desenvolven iniciativas en materia de plurilingüismo, contratos-programa e actuacións novidosas na biblioteca escolar

A Consellería está a estudar a posibilidade de acometer unha rehabilitación integral do colexio da Pobra de Trives

Mér, 20/02/2019 - 13:37
Carmen Pomar gaba o esforzo dos centros do rural por ofrecer un ensino para a igualdade de oportunidades

A conselleira de Educación, Universidade e  Formación Profesional, Carmen Pomar, gabou hoxe o esforzo que fan os centros educativos galegos do rural para, malia a seren colexios pequenos, ofrecer ao seu alumnado un ensino en igualdade de oportunidades aos de núcleos de poboación maiores. Fíxoo nas súas visitas aos CEIP de Maceda e Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso, na Pobra de Trives, ambos centros moi implicados no desenvolvemento das iniciativas innovadoras que propón a Xunta de Galicia.

Neste sentido salientou que o centro trivés, plurilingüe desde o ano 2014, está integrado no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe), ademais de incorporarse este curso ao programa Radio na Biblio e desenvolver iniciativas como a de Biblioteca Creativa, que apoia a cultura da experimentación e a investigación dos robots e da linguaxe da programación nestes espazos. Así mesmo, o CEIP Manuel Bermúdez Couso desenvolverá este curso dous contratos-programa, un na liña de Reforzo, orientación e apoio (PROA) e outro na de Mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros; e participa no programa de libro dixital da Consellería, E-Dixgal.

A conselleira quixo agradecer o traballo dos docentes do centro, sen cuxa implicación non sería posible desenvolver todas as devanditas iniciativas, e destacou o seu interese por continuar mellorando as súas competencias. Non en balde, neste CEIP desenvólvense tres plans de formación do profesorado propios, relativos ao deseño e desenvolvemento curricular, á integración didáctica das TIC e á biblioteca escolar.

Carmen Pomar explicou que o compromiso do seu departamento con este centro é firme, tamén a nivel de mellora das infraestruturas, nas que se levan investido desde 2009 preto de 300.000 euros. De feito, estase estudando a posibilidade de realizar, en función da dispoñibilidade orzamentaria, unha rehabilitación integral do CEIP que melloraría o conxunto das súas instalacións. Neste momento estase, ademais, a executar a cubrición da pista deportiva do centro, unha obra cun orzamento de 136.000 euros.

Na súa visita ao CEIP de Maceda a conselleira felicitou tamén a equipo directivo e docente polo traballo que realizan tanto na atención á diversidade como no desenvolvemento de seccións bilingües ou dun plan de formación do profesorado en materia de integración didáctica das TIC. O centro participa tamén no Plan Proxecta, en concreto en Donas de si, para a visibilización e empoderamento das mulleres como pezas fundamentais do desenvolvemento da sociedade galega.

A Consellería, cola colaboración do Concello, está a estudar fórmulas para mellorar a accesibilidade deste centro, no que desde 2009 se levan investido máis de 160.000 euros.

Nas súas visitas aos centros a conselleira estivo acompañada polos alcaldes de Maceda, Ruben Quintas, e da Pobra de Trives, Domingo Diéguez; así como polo secretario xeral técnico, Jesús Oitavén, e pola xefa territorial da Consellería na provincia de Ourense, Luz Fernández Quintas.