A Consellería de Educación convoca a proba para que os maiores de 20 anos obteñan o título de bacharelato

O prazo de inscrición ábrese o 25 de febreiro e a proba realizarase o 26 de abril
Dom, 03/02/2019 - 12:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación vén de publicar a convocatoria da proba para que as persoas maiores de 20 anos obteñan o título de Bacharelato na modalidade de Ciencias e nos dous itinerarios da modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais. O obxectivo é que as persoas que non obtiveron esta cualificación a través das ensinanzas reguladas poidan contar con este título a través da participación nunha proba libre. Cómpre lembrar que a Consellería, ademais de ofertar a posibilidade de cursar o Bacharelato para persoas adultas de forma presencial, semipresencial e a distancia, ten á disposición da cidadanía no portal educativo (http://www.edu.xunta.gal/portal/ea/materiais-didacticos ) para a súa descarga gratuíta as guías didácticas precisas para o seu estudo.

Poderán participar nestas probas as persoas maiores de 20 anos (ou que os cumpran no 2019), que non dispoñan deste título ou equivalente e que non estean a cursar ensinanzas de Bacharelato en ningún dos réximes neste curso. As persoas interesadas poderán matricularse dos dous exercicios que integran a proba ou dun deles. Poderanse matricular tamén na proba, para realizar o exercicio correspondente ás materias de Lingua Galega e Literatura I e II e ás materias xerais do bloque de materias troncais, as persoas aspirantes que teñan superadas as materias xerais e as materias troncais de opción propias da modalidade de Artes.

O prazo de presentación das solicitudes será entre o 25 de febreiro e o 11 de marzo de 2019. Deberán presentarse en soporte papel ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Os centros nos que se poderá presentar son o Centro de Educación para Adultos (EPA) Eduardo Pondal (A Coruña), o IES San Clemente (Santiago de Compostela), o Centro EPA Albeiros (Lugo), o Centro EPA de Ourense, o Centro EPA Río Lérez (Pontevedra) e o Centro EPA Berbés (Vigo).

O exame celebrarase o día 26 de abril de 2019 en sesións de mañá e tarde no IES San Clemente de Santiago de Compostela.

Características da proba

A proba organizarase de xeito diferenciado segundo as modalidades de Ciencias e Humanidades e Ciencias Sociais. En calquera dos casos, constará de dous exercicios, entre os que haberá un descanso de dúas horas.

O primeiro exercicio, corresponderá ás materias de Lingua Galega e Literatura I e II, Lingua  Castelá e Literatura I e II,  Primeira Lingua Estranxeira I e II e unha proba combinada das materias de Filosofía e Historia de España.

O segundo exercicio, diferente para cada modalidade, versará sobre as materias troncais xerais propias e as materias troncais de opción correspondentes a cada modalidade e itinerario e dividirase en tres partes. As persoas que opten pola modalidade de Ciencias realizarán a primeira parte da proba nas materias Matemáticas I e II e escollerán na segunda entre Física e Química e Física, Física e Química e Química ou Debuxo Técnico I e II. Na terceira parte deberán escoller entre Bioloxía e Xeoloxía e Bioloxía ou Bioloxía e Xeoloxía e Xeoloxía.

No caso dos aspirantes na modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais, a primeira parte constará das probas de Latín I e II (itinerario de Humanidades) ou Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais I e II (itinerario de Ciencias Sociais); mentres que na segunda parte deberán escoller entre Historia do Mundo Contemporáneo e Xeografía, Economía e Economía da Empresa ou Grego I e II. Na terceira parte realizarán a proba correspondente ás materias de Literatura Universal e Historia da Filosofía.