Carmen Pomar destaca a excelencia das ensinanzas de música impartidas no sistema público galego

A conselleira de Educación participou na entrega dos Premios Extraordinarios de Fin de Curso do CSM de Vigo

O Conservatorio Superior de Vigo é un dos tres de España que imparte a especialidade de Produción e Xestión

Xov, 24/01/2019 - 20:45
Carmen Pomar destaca a excelencia das ensinanzas de música impartidas no sistema público galego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na entrega dos Premios Extraordinarios de Fin de Estudos dos estudantes do Grao Superior de Música do conservatorio de Vigo. Na súa intervención a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou a excelencia das ensinanzas de música que se están a impartir en Galicia, que lle está a proporcionar aos titulados o máximo recoñecemento mesmo fóra das nosas fronteiras.

Carmen Pomar fixo fincapé en que, a maiores da intelixencia destas alumnas e alumnos para crear e apreciar a música, “o imprescindible para mellorar e acadar a excelencia é a formación, así como a práctica e a disciplina”. Neste sentido reafirmou o compromiso do seu departamento con centros como o Conservatorio Superior de Música de Vigo, “que permiten profesionalizar a rica tradición musical galega e reforzan o selo de calidade das nosas ensinanzas”.

Un total de 11 estudantes, 5 mulleres e 6 homes, recolleron hoxe os seus premios extraordinarios, 9 deles na especialidade de Interpretación e 2 na de Musicoloxía. Cómpre lembrar que o Conservatorio Superior de Música de Vigo é un dos tres de España – e único en Galicia– que imparte a especialidade de Produción e Xestión, implantada neste centro pola Consellería no curso 2017/18.

O centro conta neste curso 2018/19 con 291 estudantes, dos que 32 están a gozar dun Programa Erasmus+ e proceden de Italia, Estados Unidos, Bosnia e Hercegovina, Ucraína e Serbia, entre outros.