Carmen Pomar participa nunha plantación no CEIP Rosalía de Castro (Padrón)

A iniciativa do centro educativo xurdiu tras os incendios forestais acontecidos durante o curso 2017/18
Lun, 21/01/2019 - 12:16

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, asistiu esta mañá en Padrón á plantación de carballos e camelios desenvolvida pola comunidade educativa do CEIP Rosalía de Castro co fin de crear conciencia ecolóxica na poboación sobre a acción destrutiva dos incendios forestais.

Pomar felicitou o alumnado por ter “unha conciencia ecolóxica e medioambiental tan desenvolvida”, que debe servir como exemplo para todas e todos diante da loita contra os incendios forestais. Así mesmo, agradeceulles ao equipo directivo, docentes e a todas as persoas implicadas o seu traballo e apoio a esta iniciativa en materia de fomento da protección do medio natural.

Os 40 carballos e 15 camelios plantados hoxe polos escolares conformarán o Bosque de Rosalía nun terreo situado a carón do colexio e que ata o momento estaba despoboado de árbores. O alumnado realizou o proceso desde o seu primeiro paso, recollendo as propias sementes dos carballos e creando nas aulas do centro un viveiro que lles deu a oportunidade de aprender sobre o crecemento das mesmas. No caso dos camelios, foron doados ao CEIP pola empresa Expofeira de plantas de colección de Padrón. Tanto a Consellería do Medio Rural coma o Concello colaboraron con persoal e ferramentas para facilitar a repoboación deste monte.

O CEIP Rosalía de Castro conta con experiencia neste eido, dado que desenvolveu iniciativas enmarcadas no Plan Proxecta, como o proxecto Ríos, e ten un horto escolar.

Educación medioambiental

Cómpre sinalar que a protección do medio ambiente é unha das principais liñas transversais que se está a impulsar desde o ensino en Galicia. Neste sentido a Consellería puxo en marcha a materia de libre configuración autonómica Paisaxe e sustentabilidade.

Ademais, a través Plan Proxecta (e en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e coa do Medio Rural), estanse a desenvolver unha decena de programas diferentes de concienciación medioambiental,  como son O monte vivo, Liga de debate forestal, MeteoEscolas, Protexe o teu medio, Proxecto Terra, Recíclate con Sogama, Proxecto Ríos, Protexe os animais, Paisaxe e Sustentabilidade e Naturézate.