A Consellería de Educación aposta por un modelo baseado na calidade e a internacionalidade para a racionalización da oferta de máster no Sistema Universitario de Galicia

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro expuxo hoxe no Parlamento os criterios da Consellería a este respecto

Mar, 31/05/2011 - 18:40

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a apostar por un modelo baseado na calidade e a internacionalidade para a racionalización da oferta de máster no Sistema Universitario de Galicia (SUG). Así o explicou o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, na súa intervención na Comisión 4ª de Educación e Cultura do parlamento, onde fixo fincapé na necesidade de adaptar as infraestruturas universitarias galegas aos novos retos derivados da implantación do Espazo Europeo de Educación Superior e o Espazo Europeo de Investigación.

Neste sentido Díez de Castro insistiu en que o SUG debe evolucionar para desenvolver un sistema integrado que permita que as universidades galegas sexan competitivas fóra das nosas fronteiras. Así, o secretario xeral apostou por facer unha reformulación estratéxica da oferta de máster, en función dun modelo de calidade, incentivando de forma específica os proxecto de máster oficiais internacionais e interuniversitarios, mellorando nesta liña a participación de estudantes e profesores doutros países.

Da mesma forma, o secretario xeral de Universidades insistiu en que estas titulacións deberán ter pertinencia socioeconómica para Galicia, tendo en conta a estrutura económica da Comunidade, as necesidades do seu mercado laboral e a existencia dunha demanda real por parte da sociedade e dos estudantes, procurando a incorporación de perfís profesionais de futuro e vencellados aos sectores estratéxicos de Galicia.

Doutra banda, destacou, entre outros criterios para a racionalización da oferta, a viabilidade económica das titulacións, o fomento do espírito emprendendor, e o grao de innovación docente e investigadora, así como a súa incardinación en redes internacionais de calidade.

Evitar duplicidades

Co fin de manter a calidade do sistema, Díez de Castro explicou a pertinencia de desenvolver mecanismos que permitan, de ser o caso, unha revisión da titulación de producírense cambios significativos na demanda.

Así mesmo, cómpre evitar as duplicidades, polo que cada proposta deberá xustificar o seu encadre dentro da oferta global galega, a fin de garantir o equilibrio nos diferentes campus e nas ramas de coñecemento impartidas no SUG.

Conexión coa contorna

Tamén no referente á racionalización da oferta respecto á súa contorna, o secretario xeral sinalou a necesidade de que os máster outorguen competencias profesionais, e xustifiquen o apoio e colaboración de empresas e institucións do contorno socioeconómico.

Ademais, e co fin de favorecer a inserción dos estudantes no mercado de traballo, Díez De Castro destacou a importancia de que as titulacións que se impartan teñan garantidas as prácticas do estudantado e cubran a formación superior de persoal en áreas de elevada demanda laboral