A Consellería de Educación convocará por vez primeira axudas para 90 universitarios extracomunitarios

Cada un dos beneficiarios recibirá 1.000 euros para o vindeiro curso escolar

A Administración galega volve a demostrar o seu compromiso cos estudantes, a pesares da grave crise económica pola que se atravesa

Dom, 29/05/2011 - 11:00

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar as primeiras 90 bolsas destinadas a estudantes universitarios que participen en programas de mobilidade con países extracomunitarios no curso 2011-2012. O obxectivo destas axudas, de mil euros cada unha delas, é reforzar a aprendizaxe mutua, o traballo de cooperación, favorecer a mobilidade, compartir experiencias e coñecemento, e fomentar o aumento das competencias lingüísticas e profesionais.

As axudas destinaranse a alumnas e alumnos matriculados nunha universidade do Sistema Universitario de Galicia (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña ou Universidade de Vigo) ou nun centro asociado da UNED en Galicia que participe en programas de intercambio, relacionados cos estudos que está a cursar, con países extracomunitarios.

Os destinatarios

Os estudantes interesados nesta nova axuda poderán solicitala ata o vindeiro 30 de xuño deste ano. Poderán optar á mesma aqueles quen estean matriculados en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao, licenciatura, diplomatura, enxeñaría, arquitectura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica nunha universidade pertencente ao SUG ou centro asociado da UNED en Galicia.

Quen desexen optar á bolsa deberán ter realizados os últimos tres cursos académicos nalgún centro ou universidade galega. Os estudantes estranxeiros non comunitarios que soliciten a axuda deberán acreditar a condición de residentes, non podendo realizar o intercambio con universidades do seu país de orixe.

Con este nova axuda a Consellería, a través da Secretaría Xeral de Universidades volve demostrar, a pesares da grave crise económica pola que se está a pasar, o seu compromiso cunha política de apoio económico aos estudantes, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a mobilidade de estudantes, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza