A Consellería de Educación convoca 11.020 prazas para a acreditación de competencias profesionais

A oferta increméntase un 13% respecto do ano anterior

O prazo de presentación de solicitudes, que deberán facerse por vía electrónica, estará aberto entre o 14 de xaneiro e o 7 de febreiro

Sáb, 15/12/2018 - 12:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria do proceso de acreditación de competencias profesionais, adquiridas polas persoas no desenvolvemento do seu traballo ou por outras vías non formais de formación. A superación deste proceso permitirá a obtención da acreditación de unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais e as correspondentes equivalencias en módulos profesionais. Deste xeito contribúese a mellorar a inserción laboral das persoas, ademais de facilitarlles completar a formación para a obtención dun título de FP.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 14 de xaneiro e o 7 de febreiro, ambos días incluídos. O proceso de acreditación desenvolverase, ao igual que noutras ocasións, nos centros integrados de formación profesional e estará dividido en tres fases: asesoramento, avaliación da competencia profesional e acreditación e rexistro da mesma. A información sobre o procedemento pode consultarse no Portal de FP .

Para acceder a este procedemento, as persoas candidatas deberán ter experiencia laboral ou formación relacionada coas competencias profesionais que se queiran acreditar e non poderán estar matriculadas nun curso de formación profesional inicial (ordinario ou modular) ou realizando formación profesional para o emprego, conducente á acreditación das devanditas unidades. Tampouco poderán posuír un título de formación profesional ou un certificado de profesionalidade que conteña as unidades que solicita, nin as súas equivalentes. Ademais, non poderán estar inscritas noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional nin en probas libres para a obtención dun título de FP.

Novidades da convocatoria

Por primeira vez, a solicitude de participación no procedemento deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia e requirirá cubrir previamente os datos na aplicación informática www.edu.xunta.gal/acreditacion.

Increméntase o número de prazas nun 13,3% e incorpóranse por primeira vez unidades de competencia referidas a títulos de Formación Profesional Básica. A oferta é ampla e diversificada, atendendo ás demandas dos distintos sectores produtivos nas diferentes zonas xeográficas de Galicia.

Os ciclos nos que se fai oferta son 37, cinco deles novos: o ciclo de grao básico en Arranxos e reparación de artigos téxtiles e de pel, o de grao medio en Instalacións de telecomunicacións e os de grao superior en Guía, información e asistencia turísticas, en Produción de audiovisuais e espectáculos e en Automoción.

No que atinxe ás familias profesionais ás que se corresponden as unidades de competencias convocadas son un total de 19, unha máis ca o ano anterior, en concreto as de Administración e xestión, Agraria, Comercio e márketing, Edificación e obra civil, Electricidade e electrónica, Enerxía e auga, Fabricación mecánica, Hostalería e turismo, Imaxe e son, Imaxe persoal, Industrias alimentarias, Informática e comunicacións, Instalación e mantemento, Madeira, moble e cortiza, Química, Sanidade, Servizos socioculturais e á comunidade, Téxtil, confección e pel e Transporte e mantemento de vehículos.

Máis de 79.000 prazas

O proceso enmárcase no compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia coa recualificación e formación ao longo da vida, que permite ás persoas traballadoras ou en situación de desemprego enfrontarse ás esixencias do mercado laboral desde unha posición máis vantaxosa.

Este é o noveno ano consecutivo que a Consellería convoca este proceso, que foi medrando progresivamente das 3.200 prazas do ano 2011 ás 11.020 que se ofertan na convocatoria actual. Desde 2011, e contando coas actuais, lévanse convocado 79.470 prazas.

Cómpre salientar que na convocatoria anterior o 84% das persoas admitidas ao procedemento chegaron á fase de avaliación e o 93% das persoas avaliadas obtiveron a acreditación nalgunha unidade de competencia. En total certificáronse un total de 4.795 unidades de competencia, que foron acreditadas por 1.205 persoas.