A universidade promovida pola Fundación Galicia Obra Social-Afundación tería que crearse por Lei do Parlamento de Galicia

O secretario xeral de Universidades explicou na Comisión 4ª que terán que informar ao respecto a ACSUG, o Consello Galego de Universidades e a Conferencia Xeral de Política Universitaria
Ven, 14/12/2018 - 11:56

O secretario xeral de Universidades da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, José Alberto Díez de Castro, explicou hoxe no Parlamento que a universidade promovida pola Fundación Galicia Obra Social-Afundación tería que ser creada por Lei da Cámara galega. Neste sentido sinalou que a existencia deste entidade académica dependerá unicamente do cumprimento da normativa vixente e insistiu no compromiso da Xunta co sistema universitario público de Galicia.

O padroado de Afundación presentou o pasado mes de outubro a solicitude de recoñecemento da Universidad Internacional de la Empresa (UIE), unha petición da que tamén teñen constancia os reitores das tres universidades galegas e os restantes membros do Consello Galego de Universidades (CGU). De feito, na última reunión do CGU comunicouse que a Secretaría Xeral de Universidades está a analizar a documentación presentada co obxecto de emitir o preceptivo informe previsto no procedemento administrativo de recoñecemento de universidades privadas regulado na normativa vixente.

Non en balde, previo á elevación da proposta á persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que instaría o inicio do expediente como anteproxecto de lei, correspóndelle á Secretaria Xeral de Universidades estudar e valorar a proposta mediante a emisión dun informe no que se comprobará a súa pertinencia socio-económica.

O procedemento, regulado na Lei 6/2013, de 13 de xuño, do Sistema Universitario de Galicia, establece que deberán ditar tamén informe ao respecto a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), o Consello Galego de Universidades e a Conferencia Xeral de Política Universitaria. A maiores, e ademais do establecido pola Lei orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de universidades (LOU) modificada por lei orgánica 4/2007  do 12 de abril, de universidades e Real decreto 420/2015, do 29 de maio, de creación, recoñecemento, autorización e acreditación de universidades e centros universitarios, a Lei do SUG contempla nos seus artigos 13 e 14 os requisitos para a creación de novas universidades no Sistema e, en concreto, das privadas.

Díez de Castro explicou que o marco normativo permite a convivencia de universidades públicas e privadas. De feito Galicia é a única Comunidade Autónoma na que, habendo máis dunha universidade pública, non hai unha privada. En calquera caso, pediu prudencia e lembrou que a solicitude de recoñecemento foi presentada polo padroado de Abanca, onde hai representantes dos 7 concellos con maior poboación de Galicia, das 4 Deputacións, do Parlamento de Galicia (en proporción á representación de cada grupo parlamentario), da Xunta e dos empregados da Fundación.