Educación apoia o esforzo do alumnado e docentes na III Olimpíada Galega de Química para estudantes da ESO

O director xeral de Educación destacou neste encontro os bos resultados que os estudantes galegos están a colleitar nesta materia

Neste acto entregáronse ademais os premios aos gañadores da XXVIII Olimpíada galega de Química para estudantes de Bacharelato

O equipo galego obtivo 6 medallas na XXIV Olimpíada Española

Dous destes estudantes representarán ao Estado nas XVII Olimpíadas Internacionais en Turquía e as XVII Iberoamericana en Brasil

Ven, 27/05/2011 - 20:00
III Olimpíada Galega de Química para estudantes da ESO
Educación apoia o esforzo do alumnado e docentes na III Olimpíada Galega de Química para estudantes da ESO

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria apoiou hoxe o esforzo do alumnado e profesorado participante na III Olimpíada Galega de Química para estudantes de 3º e 4º da ESO, cuxa proba final se celebrou hoxe en Santiago de Compostela.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira, que asistiu ao acto en representación do conselleiro de Educación, destacou os resultados acadados polo alumnado galego nas materias de Física e Química, que quedan demostrados neste tipo de competición, e no éxito do equipo galego na XXIV Olimpíada Española de Química, coa obtención de 2 medallas de ouro e 4 medallas de bronce. Ademais recordou que Galicia está por riba da media española de graduados en Ciencias, Matemáticas e Químicas, cun 11,2 por mil graduados.

Neste sentido agradeceu o labor do Ilustre Colexio de Químicos de Galicia e da Asociación de Químicos de Galicia “polo asiduo traballo, dedicación e contribución á didáctica da Química”. “Non incorro en exceso se insisto en que estades contribuíndo a presentar unha nova cara da química, máis amable, máis real e máis necesaria cada vez para o progreso da sociedade, dentro do marco do desenvolvemento sostible”, dixo.

Probas para a ESO

Ao longo da xornada realizouse una proba individual de contidos na que cada un dos participantes fixo a resolución individual de problemas e cuestións tipo test. Por outro lado presentáronse os proxectos integrados nos que cada un dos estudantes tivo quince minutos para presentar o seu traballo con cinco minutos de debate co Tribunal clarificador. Asemade realizáronse as actividades para os profesores responsables dos centros que asistiron á presentación de Proxectos Integrados, ás que asistiron emitindo as súas opinións e votando aos tres considerados os máis destacados.

A Olimpíada ten como obxectivo ser unha convivencia entre estudantes e docentes, un punto de intercambio de experiencias falando de química, ao tempo que se realizan actividade sobre a mesma. Asemade o obxectivo é achegar esta disciplina a adolescentes, profesionais, pais e nais.

Premios de bacharelato

Ao longo da xornada tamén se entregaron os premios aos nove gañadores da XXVIII Olimpíada Galega de Química para alumnos de Bacharelato. Así, foron recoñecidos os estudantes Hadrián Montes Campos (IES Sánchez Cantón), Carmen Antía Rodríguez Fernández (Colexio Manuel Peleteiro), Daniel Alberte Woodward (Colexio Manuel Peleteiro), Javier Martínez Fernández (IES de Rodeira), Martín González Ramírez (IES do Castro), Francisco Reigosa Chamorro (IES do Castro), Lucía Rodríguez Rodríguez (Colexio Iinternacional Eirís), Rebeca Gómez Ojea (CPR Obradoiro) e Miguel Carballo Noya (IES Eusebio da Guarda).

Estas alumnas e alumnos representaron a Galicia na XXIV Olimpíada Española, na que obtiveron dúas medallas de ouro (Hadrián Montes Campos e Javier Martínez Fernández) e catro de bronce (Carmen Antía Rodríguez Fernández, Martín González Ramírez, Rebeca Gómez Ojea e Miguel Carballo Noya).

Cómpre destacar que os dous estudantes galardoados con medallas de ouro forman parte do grupo de catro representantes de España nas XVII Olimpíadas Internacionais en Turquía, e nas XVII Iberoamericana en Brasil.