A Consellería de Educación licita por máis de 1,3 millóns de euros a ampliación do CEIP Lamas de Abade (Santiago)

Construirase un novo edificio con capacidade para 150 alumnos

Ademais, ampliarase o patio cuberto e instalarase un ascensor no edificio existente

Mér, 12/12/2018 - 19:36

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe na Plataforma de Contratación a licitación, por 1.304.985,36 euros, da obra de ampliación do CEIP Lamas de Abade (Santiago de Compostela). O prazo de execución da obra, unha vez asinada a Acta de Comprobación e replanteo, será de 7 meses.

A obra consistirá na construción dunha nova edificación destinada a aulario de Infantil, cunha superficie total construída de 831,7 metros cadrados e capacidade para 150 alumnos. O edificio contará con 6 aulas con aseo no seu interior, unha sala de usos múltiples, unha aula de apoio educativo, unha aula exterior, un patio cuberto, así como distintas salas de usos tanto administrativos como para as instalacións, almacenaxe e limpeza. Ademais prevese a instalación dun novo ascensor no edificio existente.

Para conectar o novo edificio co actual construirase unha pasarela acristalada, polo que haberá que abrir o pertinente oco na fachada do existente para a instalación dunha porta de paso entre ambos espazos, así como reestruturar unha das aulas da planta baixa para xerar un novo corredor de acceso á pasarela. A maiores, ampliarase a zona cuberta existente no patio e conectarase o novo aulario co parque infantil e co patio cuberto a través de ramplas e escaleiras.