Xunta, USC e Endesa colaboran na concienciación medioambiental dos escolares

A conselleira de Educación asistiu hoxe á primeira das visitas de alumnado ao espazo restaurado mineiro das Pontes

Orientados por profesorado formado ao efecto e por unha guía didáctica, os estudantes coñecerán o proceso de rehabilitación acometido neste espazo natural

Mar, 11/12/2018 - 13:00
Xunta, USC e Endesa colaboran na concienciación medioambiental dos escolares

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, acompañou hoxe o alumnado do IES Lucus Augusti na que foi a primeira visita do programa de educación medioambiental desenvolvido en colaboración entre o seu departamento, a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Fundación Endesa e Endesa Generación. Neste contexto, remarcou a importancia de concienciar aos máis novos na necesidade de preservar a natureza como un dos bens máis prezados da sociedade, obxectivo común que se persigue tamén a través das visitas que se realizarán no marco deste programa ao espazo restaurado mineiro das Pontes.

Nestas visitas os estudantes (ESO, Bacharelato e FP) percorrerán a mina restaurada e realizarán traballos de campo sobre a recuperación, a flora, a fauna…. A visita está orientada pola guía didáctica elaborada previamente pola USC no marco deste convenio. Ademais, os percorridos educativos están deseñados para os diferentes niveis, colocáronse carteis informativos nas rutas e distribuiranse cadernos de campo para as alumnas e alumnos.

A maiores, os escolares contarán co apoio de profesorado formado ao efecto en materias como a restauración de espazos degradados, o papel do solo na mesma, os sistemas acuáticos e humedais, a revexetación e a fauna en espazos mineiros restaurados.

Con este programa educativo búscase informar aos máis novos da importancia dos ecosistemas e da biodiversidade para o funcionamento da sociedade, conciencialos da necesidade de preservar estes espazos naturais e amosarlles como un espazo moi afectado pola instalación dunha explotación mineira pode ser restaurado, aproveitando a singularidade da escombreira das Pontes.

Ademais da conselleira, participaron na visita o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, o director xeral de Endesa Noroeste, Miguel Temboury, o director da UPT de As Pontes, Marcello Rinaldi, o director xeral da Fundación Endesa, Carlos Gómez-Múgica, a directora de proxectos de Fundación Endesa, Begoña Muñoz de Verger, o director de Relacións Institucionais de Endesa Noroeste, José Antonio Menéndez e o catedrático da USC Agustín Merino.