A conselleira de Educación conmemora o aniversario da Constitución Española no CEIP Apóstolo Santiago

Ademais da celebración de hoxe, repartirase unha unidade didáctica para que os escolares teñan unha primeira aproximación á Carta Magna
Mar, 27/11/2018 - 13:15

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, conmemorou hoxe os 40 anos da Constitución Española nunha xornada de celebración co alumnado do CEIP Apóstolo Santiago, da capital galega, nun acto no que participou tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. A conmemoración reuniu a case un centenar de alumnas e alumnos de infantil e primaria xunto co seu profesorado do centro, que asistiron a unha pequena representación teatral baseada na Constitución e no que representa para a historia democrática de España.

A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou a importancia deste tipo de iniciativas para que os máis pequenos coñezan a importancia da Constitución, contribuíndo así a inculcarlles valores como a liberdade, a responsabilidade, a solidariedade ou a tolerancia, “que practicaredes e compartiredes e que permitirán unha convivencia pacífica entre todos nós”.

Pola súa banda, Valentín García incidiu na importancia que tivo o feito de que a Constitución de 1978 recoñecese “o valor da riqueza lingüística de España, considerada obxecto de especial protección”, e de que a nosa lei fundamental lle abrise a porta “á cooficialidade do galego co castelán que recolle o noso Estatuto de autonomía”. “Cooficialidade que garantiu por primeira vez os dereitos dos galegofalantes, a igualdade e a non-discriminación por razón da lingua das que hoxe gozamos”, remarcou.​

Os escolares presentes recibiron, ademais, unha unidade didáctica sobre a Carta Magna elaborada para esta conmemoración, que lles achegará aos máis cativos a súa relevancia e os principais contidos da mesma de forma sinxela e amena. Pensada para traballar nas aulas, a unidade aborda preguntas como que é unha constitución e para que serve, os contidos básicos da de 1978 e os valores que establece como modelo de sociedade no que atinxe á liberdade, pluralismo, participación, responsabilidade, igualdade, tolerancia e solidariedade. Así mesmo, faise un primeiro achegamento ás institucións básicas do Estado e aos dereitos e deberes fundamentais que recolle esta norma básica, entre outras cuestións.

O obxectivo deste documento, que está accesible para a súa descarga de balde desde o Portal da Lingua Galega e que se agasallará na nova actividade “Terrícolas, igualiños, igualiñas” que chegará a 8 centros de ensino e a 8 concellos da Rede de Dinamización Lingüística, é que o alumnado de infantil e primaria tome conciencia da existencia dunha Constitución que marca os valores básicos da sociedade que nos identifican como persoas e como cidadáns e cidadás.