Educación concede axudas para o funcionamento de 55 escolas de música

A convocatoria, para o que este ano se incrementou o orzamento nun 30%, vai dirixida tanto ás entidades que dependen dos Concellos como das asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro
Mar, 27/11/2018 - 11:15

A Consellería  de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe a resolución das axudas dirixidas a escolas de música públicas e privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro, convocatoria á que este ano se destinaron case 390.000 euros, un 30% máis ca en 2017. Un total de 55 entidades reciben este apoio económico, que vai destinado a subvencionar o funcionamento tanto das escolas de música dependentes dos Concellos como das asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro.

A relación de centros aos que se concede a axuda pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.

O fin destas axudas é potenciar o funcionamento dos centros que imparten ensinanzas de música, sobre todo tendo en conta a súa crecente demanda. Ademais, tamén se busca apoiar aquelas iniciativas que implican fomentar, difundir e estender entre a sociedade xeral, e en especial entre o público xuvenil, a ensinanza musical desde unha formación non regrada. Para outorgar as axudas tivéronse en conta aspectos como o número de alumnado matriculado, de especialidades instrumentais impartidas, do profesorado e tempo de dedicación, así como as dimensións das instalacións, o volume do orzamento do centro e o importe total que o centro percibe do alumnado pola impartición das ensinanzas.