A Consellería de Educación presenta aos sindicatos a iniciativa dos contratos-programa para o fomento do éxito escolar

Neste encontro acordouse tamén o calendario escolar para o vindeiro curso 2011/2012

Mar, 24/05/2011 - 19:05

Os representantes da Consellería de Educación e Ordenación Universitarias presentaron hoxe ao resto dos membros da mesa sectorial de ensino non universitario a iniciativa de contratos-programa na que está a traballar o departamento educativo da Xunta de Galicia para fomentar o éxito escolar.  Deste xeito continúanse os trámites para que os contratos-programa sexan unha realidade o vindeiro curso, cando se implantarían de forma experimental nos centros educativos que así o soliciten e que cumpran os requerimentos que establecerá a resolución de convocatoria.

Así, está previsto que no ano académico 2011/2012 a Consellería asine con colexios e institutos estes contratos, unha vez estes presenten un programa de actuacións a desenvolver, as razóns que as xustifican, os logros que perseguen, e os recursos necesarios para levalas a cabo. Os centros participantes terán autonomía para mobilizar os seus recursos e organizarse tal e como acorden coa Consellería.

Actuacións

A Consellería valorará as actuacións organizadas polos centros en relación co reforzo, orientación e apoio ao alumnado con dificultades de aprendizaxe, o coñecido como  Plan PROA, e coa mellora da lectura, escritura, cálculo, absentismo escolar, a mellora da convivencia e, en xeral, do nivel de coñecementos para acadar a excelencia.

Doutra banda, as iniciativas desenvolvidas ao abeiro destes programas destinaranse a favorecer a atención educativa dos colectivos máis vulnerables para mellorar a súa formación e previr os riscos de exclusión social, ao tempo que apoian a evolución e a integración do alumnado con maior capacidade e motivación para aprender, afondando nos coñecementos dalgún campo de actividade. Tamén se impulsarán as iniciativas para a mellora da convivencia e o clima nas aulas, unha prioridade da Consellería de Educación.

Coa posta en marcha desta iniciativa o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad busca implicar aos centros educativos, Concellos, empregadores, institucións, e do conxunto da sociedade nesta tarefa de mellorar a calidade do sistema educativo galego.

Calendario escolar

A Mesa Sectorial de Ensino non Universitario acordou hoxe tamén o calendario escolar para o vindeiro curso 2011/2012, atendendo ao establecido pola Lei Orgánica de Educación (LOE) de 2006, 175 días lectivos.

Deste xeito as clases en educación infantil, na educación especial e na educación primaria, comezarán o 12 de setembro de 2011 e rematarán o 22 de xuño. No caso da educación secundaria obrigatoria, o bacharelato, a formación profesional e as ensinanzas de réxime especial, as actividades lectivas realizaranse entre os días 16 de setembro de 2011 e o 22 de xuño de 2012. No segundo curso de bacharelato as actividades lectivas ordinarias rematarán de acordo coas datas previstas para a proba de acceso á universidade.

Nos primeiros días do mes de setembro e ata o día 6 como máximo realizaranse as probas correspondentes á convocatoria extraordinaria do curso 2010/2011 para o alumnado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

Os comedores escolares funcionarán en educación primaria desde o día 12 de setembro ata o  22 de xuño. En educación secundaria obrigatoria farano desde o 16 de setembro ata o 22 de xuño.

Días non lectivos e conmemoracións

Respecto dos períodos de vacacións, as de Nadal abranguerán desde o día 22 de decembro de 2011 ata o día 8 de xaneiro de 2012, as de Semana Santa do 2 ao 9 de abril, e as de Entroido os días 20, 21 e 22 de febreiro. Ademais serán días non lectivos os festivos e as festas laborais de carácter local e, os centros en que unha ou as dúas festas laborais de carácter local non coincida con días de clase,  poderán solicitar un ou dous días non lectivos. O día do ensino, tamén non lectivo, celebrarase o 31 de outubro.

Xa con consideración de días lectivos, durante o curso escolar os centros celebrarán as conmemoracións da Constitución e do Estatuto de autonomía de Galicia, o Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o Día da Paz, o Día Internacional da Muller Traballadora, o Día Mundial dos Dereitos do Consumidor, a Semana da Prensa, o Día do Libro, o Día Mundial da Saúde, o Día de Europa, a Semana das Letras Galegas e o Día Mundial do Ambiente.