A Consellería de Educación promoverá a cultura do emprendemento desde a oferta de formación profesional

Ampliarase a Rede de Viveiros nos centros de FP de Galicia

O conselleiro fixouse como obxectivos mellorar a formación do profesorado e a FP a distancia na Comunidade Autónoma

Ademais destacou os altos niveis de empregabilidade que están a acadar os titulados nos ciclos formativos

A adaptación dos currículos á Lei de Cualificacións Profesionais continúa, e chegará aos 41 en datas próximas

Mar, 24/05/2011 - 12:29
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, na súa comparecencia no P
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, na súa comparecencia no Pleno do Parlamento

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, explicou hoxe no Parlamento de Galicia que o departamento que dirixe está a traballar na promoción da cultura do emprendemento desde a oferta de Formación Profesional que se está a impartir en Galicia. Neste sentido, anunciou que a Consellería ampliará a Rede de Viveiros nos devanditos centros, espazos, brindan aos estudantes a posibilidade de desenvolver negocios viables que permitan a súa incorporación ao mercado laboral” destacou o conselleiro.

Vázquez Abad fixou ademais como obxectivo da Consellería a mellora da formación do profesorado de ciclos formativos, para que estes docentes poidan ter actualizadas as súas competencias e impartir unhas ensinanzas de calidade e actualizadas ás necesidades do sistema produtivo en cada momento, o que redundará nunha mellora da calidade da FP galega.

Deste xeito, Educación continúa coa estratexia que está a desenvolver para o impulso da FP, “unha cuestión imprescindible e fundamental para o futuro, en tempos de fonda crise económica e de destrución de emprego”. “O actual Goberno galego concédelle á Formación Profesioanl unha especial importancia. Por unha banda, como ferramenta contra o abandono escolar,  e por outra, como medio para que os galegos e galegas en paro poidan continuar a ampliar a súa formación en tempos de crise e poder estar en mellores condicións para acceder ao mercado laboral”, recordou.

Impulso ao emprendemento

Tal e como explicou o titular do departamento educativo da Xunta, “Galicia é pioneira na implantación dos viveiros de empresa en centros educativos”, e a Consellería “traballa para ampliar esta Rede coa intención de incorporar nas vindeiras semanas o CIFP A Granxa (Ponteareas), e nos seguintes meses o CIFP Porta da Auga (Ribadeo)”.

A Rede de Viveiros está formada na actualidade por 7 centros, o CIFP Ánxel Casal (A Coruña), o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), o IES Politécnico de Lugo, o CIFP Portovello (Ourense), o IES Luís Seoane (Pontevedra), o IES Manuel Antonio (Vigo) e o CIFP Politécnico de Santiago ”.

Tamén de cara a potenciar a inserción profesional do alumnado de formación profesional e a mellora das empresas nas que desenvolven a súa actividade a Consellería puxo en marcha o Plan de Emprendemento no sistema educativo, Eduemprende, que ten como obxectivo fomentar “as actitudes empresariais desde a educación, facendo iniciativas para promover a cultura emprendedora no sistema educativo”, explicou Vázquez Abad. Desta forma posibilítase “a adquisición de capacidades e habilidades necesarias para que o alumnado de bacharelato e FP poida achegarse á empresarialidade con máis coñecemento e empuxe, o que favorecerá a creación de novas empresas, a innovación, a competitividade e a empregabilidade”, engadiu.

Inserción laboral

Neste sentido o conselleiro de Educación destacou os altos niveis de empregabilidade que están a acadar os titulados nos ciclos formativos. Non en balde os últimos estudos sobre inserción laboral dos titulados poñen de manifesto que o 88,8 % das persoas que remataron a Formación en Centros de Traballo (FCT, incluída en todos os ciclos), obtivo o seu primeiro emprego antes dos seis meses , e que o 54 % conseguírono de xeito inmediato. Deles o 36,9 % acadou o seu primeiro emprego utilizando o centro educativo como enlace, maioritariamente a través de empresa na que realizaron a FCT (32,5 %).

Ademais un 68,3% dos alumnos atopou un primeiro emprego relacionado co perfil profesional do ciclo estudado, e para case 7 de cada 10 titulados este emprego  responde ás expectativas que tiña ao finalizar os estudos.

“Ademais -salientou Vázquez Abad-  no caso dos alumnos de ciclos de Grado Superior, en moitos destes compiten con éxito con titulados universitarios”, o que demostra que grazas ás medidas adoptadas para a mellora da FP “a sociedade xa é consciente da importancia da FP para a mocidade e para os adultos en activo”.

Marco normativo galego

“Estas ensinanzas están chamadas a xogar un papel determinante na preparación de capital humano para conseguir un sistema produtivo competitivo e de oportunidades”, dixo o conselleiro. Por iso, e co obxectivo de que a FP sexa unha porta de entrada ao mundo do traballo, a Consellería está a adaptar os currículos dos ciclos formativos á Lei das Cualificacións Profesionais é a LOE, un total de 34 currículos publicados e aprobados no que vai de lexislatura, fronte “aos seis únicos currículos de ciclos formativos que aprobou o Bipartito en toda a pasada lexislatura”, recordou Vázquez Abad. “Ademais, estanse tramitando outros 7 decretos de currículos para a súa aprobación polo Consello da Xunta, coa fin de que ao inicio do curso, todos os novos ciclos formativos que se implanten conten con currículo galego”, engadiu.

Nesta mesma liña, Educación aprobou no seu primeiro ano de lexislatura o Decreto de ordenación xeral da FP en Galicia, unha tarefa pendente desde a aprobación da Lei de cualificacións profesionais en 2002 e da LOE en 2006.

Este decreto, engadiu o conselleiro, fai posible “realizar ofertas máis flexibles adaptadas á poboación, a realización de cursos para a maior especialización na FP, un modelo de currículo propio para Galicia para que cada unha das titulacións poida adaptarse ao que se require polo tecido produtivo galego, e que a os titulados de FP se lle acredite a formación para expedirlle os carnés profesionais competencia da Xunta de Galicia”. Ademais, ao abeiro do decreto impúlsase o plurilingüismo no ámbito da FP, a orientación profesional e a maior flexibilización na formación para o alumnado con necesidades educativas especiais.

FP a distancia

Vázquez Abad sinalou como outros dos obxectivos do departamento que dirixe a mellora da FP a distancia, que se puxo en marcha este curso primeira vez na Comunidade Autónoma ao abeiro do devandito decreto. “Esta foi unha materia pendente, xa que a LOE establecía esta modalidade formativa. Mentres noutras comunidades esta oferta xa fora implantada, en Galicia houbo que esperar a que chegase o actual goberno para poder contar con ela", recordou.

Este curso, e con carácter experimental ofértanse 5 módulos do ciclo formativo de grao superior de Educación Infantil e 8 módulos co ciclo de grao medio de Emerxencias Sanitarias, con 50 prazas por módulo profesional de cada un dos ciclos formativos ofertados. Deste xeito púxose a disposición da cidadanía galega un modelo aberto de ensino, no que o alumnado marca o seu propio ritmo de aprendizaxe en función das súas necesidades e da súa dispoñibilidade de tempo, unha metodoloxía especialmente axeitada para as persoas traballadoras que desexan ampliar a súa formación.

Acollida cidadá

Durante a súa comparecencia o conselleiro de Educación destacou a gran acollida que están a ter as devanditas medidas de impulso da FP entre a cidadanía. Así, no curso 2010/2011 matriculáronse nestas ensinanzas 3.714 máis que no 2008/2009, un 10,69% máis; 2.276 matriculados máis que no 2009/2010 (6,29% máis).

“Estes datos amosan que a FP estase a confirmar en Galicia como unha opción demanda e escollida cada vez por máis estudantes", dixo o conselleiro, quen lembrou ademais que “nos últimos anos, en Galicia xa se matriculan máis alumnos en FP  que en Bacharelato, de xeito que estamos na senda correcta para tratar de alcanzar a porcentaxe da media dos países europeos onde cerca do 60 por cento da matrícula corresponde á formación profesional.”

Acreditación de competencias e carnés profesionais

Vázquez Abad recordou o éxito convocatoria de 3.200 prazas para o recoñecemento da competencia profesional a través da experiencia laboral ou de formación non formal, nun total de 44 unidades de competencia, para a que se recibiron máis de 7.300 solicitudes. Cómpre lembrar que foi a actual Consellería a primeira, o ano pasado, en convocar o proceso de forma regulada no marco do Real Decreto 1224.

Ademais, e co obxectivo de favorecer a inserción laboral dos profesionais coas competencias necesarias que acredita o carné profesional asinouse un acordo de coordinación coa Consellería de Economía e Industria polo que a obtención de determinados carnés profesionais pasou a xestionarse en Educación.

 “Este acordo de coordinación supón un importante avance na presenza da formación profesional nos distintos sectores que precisan de unha habilitación especial por razóns de seguridade ou de saúde”, destacou o conselleiro, quen lembrou ademais que os currículos galegos das ensinanzas de FP  xa  inclúen a formación requirida para a obtención destes carnés.

FP, ferramenta estratéxica

De cara aos próximos meses, tal e como explicou Vázquez Abad, “é intención do meu departamento ampliar a rede de centros integrados para favorecer aqueles procesos de cualificación e recualificación dos traballadores actuais e futuros”.

Ademais promoverase e dinamizarase a participación e implicación do empresariado galego na mellora da FP, coa sinatura de convenios para a formación dos alumnos e dos profesores a través das empresas e no desenvolvemento de ofertas formativas máis flexibles que contribúan á capacitación e profesionalización das traballadoras e traballadores da nosa Comunidade.

O fin do traballo que o Goberno galego está a desenvolver neste eido é, tal e como resumiu o titular de Educación, “que a Formación Profesional sexa unha ferramenta estratéxica que, xunto con outras medidas, permita colocar a Galicia en mellores condicións para saír da actual crise”.