A conselleira de Educación recibe os participantes na XV edición do programa Mozos Líderes Iberoamericanos

Ven, 28/09/2018 - 18:09
A conselleira de Educación recibe os participantes na XV edición do programa Mozos Líderes Iberoamericanos

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar Tojo, recibiu hoxe os 31 participantes –procedentes de 19 países– da XV edición do programa Mozos Líderes Iberoamericanos, unha iniciativa promovida pola Fundación Carolina e o Banco Santander. Durante o encontro, celebrado en San Caetano, a responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia escoitou as experiencias persoais que a estes mozos lles están a deparar a estadía da que están a gozar no marco deste programa, e que contribúen a enriquecer o seu currículo académico e persoal.

Mozos Líderes Iberoamericanos desenvólvese desde 2002 a través do que cada ano se seleccionan rapaces e rapazas con expedientes académicos de excelencia e acreditadas habilidades sociais entre candidaturas procedentes de máis de 300 universidades iberoamericanas. No encontro participaron, ademais, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o responsable do Programa Internacional de Visitantes da Fundación Carolina, Arturo Pita; e a directora de Relaciones Institucionales, Cristal Mariátegui Valdés.