A avaliación de diagnóstico testou as competencias de máis de 45.000 estudantes nos centros educativos de Galicia

As probas realizáronse os días 11 e 12 en 2º da ESO e o 19 e 20 en 4º de primaria

O obxectivo destas probas é coñecer o nivel de desenvolvemento das capacidades básicas do alumnado

Por primeira vez nestas probas houbo material adaptado ao braille, mostra do traballo que está a desenvolver á Consellería a prol da atención á diversidade

Este ano avaliouse na proba unha nova competencia, no coñecemento e na interacción co mundo físico

Dom, 22/05/2011 - 12:00

Un total de 45.264 estudantes de 500 centros que imparten educación secundaria e uns 840 centros que imparten educación primaria en Galicia testaron nestas últimas semanas as súas competencias nas probas de Avaliación de Diagnóstico 2011 realizadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria por segunda vez.

As probas, que se realizaron os días 11 e 12 para 23.265 alumnos e alumnas de 2º da ESO e o 19 e 20 para 21.999 estudantes de 4º de primaria, desenvolvéronse con total normalidade e tivo moi boa acollida por parte dos centros, equipos directivos e profesorado implicado. Cómpre destacar que este ano, e co fin de liberar aos centros educativos dunha importante carga de traballo, os materiais correspondentes para a súa realización das probas foron distribuídos directamente desde a Consellería nos días anteriores ás datas de celebración das probas.

Ademais, por primeira vez nunha avaliación deste tipo, os materiais foron adaptados a braille, constatando deste xeito, unha vez máis, o traballo que está a desenvolver á Consellería a prol da atención á diversidade.

Con esta Avaliación de Diagnóstico o departamento educativo da Xunta de Galicia busca coñecer o nivel de desenvolvemento das capacidades básicas do alumnado ao remate dos devanditos cursos. O obxectivo é poder poñer en marcha actuacións eficientes para a mellora do sistema educativo galego, unha vez coñecidos as súas fortalezas e debilidades.

As probas

Nesta segunda avaliación de Diagnóstico de Galicia avaliáronse as competencias matemática, no coñecemento e na interacción co mundo físico – por primeira vez este ano- e en comunicación lingüística. As probas realizáronse a través de caderniños, rexistros de audio, e cuestionarios.

Doutra banda, na avaliación recolléronse aspectos referidos ao contexto sociocultural do alumnado e dos centros, dos que se extrae índice socioeconómico e cultural (ISEC) que contribúe a unha interpretación máis axustada dos datos. Esta información obtívose a partir da cubrición dos cuestionarios por parte dos estudantes, dos centros e das familias

Resultados

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fará unha corrección de contraste a través da inspección educativa antes de enviar a cada centro o seu informe de resultados, do que farán unha reflexión interna, informarán ás familias do alumnado avaliado e establecerán ás medidas de optimización e de mellora pertinentes, que se recollerán na súa programación xeral anual.

Ademais realizarase unha comparativa cos resultados da anterior avaliación de diagnóstico de Galicia, realizada en outubro de 2009. Con posterioridade, a Consellería elaborará o informe xeral que se presentará á sociedade.

Cómpre lembrar que en ningún caso se distribuirán os resultados individuais de cada estudante, xa que estas probas non pretenden ser unha competición entre eles nin entre os centros, senón unha ferramenta para a mellora da calidade do ensino en Galicia.