O vindeiro curso 2 escolas unitarias deixan de prestar servizo debido ao baixo número de alumnado

Como cada ano, a Consellería de Cultura e Educación adapta as necesidades educativas de cada zona á realidade social para garantir a viabilidade da escola, sobre todo no eido rural
O departamento educativo mantén os mesmos criterios que nos últimos anos, que é pechar aqueles centros que conten con cinco ou menos nenos matriculados
Lun, 30/07/2018 - 12:28

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de rematar a revisión da matricula dos centros escolares públicos nos niveis de educación infantil, educación primaria e educación especial para o vindeiro curso 2018/19, un proceso habitual que se leva a cabo todos os anos antes do inicio de cada curso co fin de adecuar o número de unidades ao de alumnas e alumnos matriculados en cada centro educativo.

Conforme aos datos definitivos de matrícula, o vindeiro curso escolar deixarán de prestar servizo educativo 2 escolas unitarias, debido ao baixo nivel de alumnado nestes centros. Cómpre sinalar que a Consellería mantén, un ano máis, o mesmo criterio para suprimilas. É dicir, que conten con cinco ou menos alumnos/as. Trátase da Escola de Educación Infantil (EEI) de Apeadeiro, en Cambre (A Coruña), e a EEI de Solbeira en Paderne de Allariz (Ourense), ambas as dúas con 3 alumnos que, en todo caso, teñen asegurada unha praza escolar noutro centro educativo próximo.

Tamén cada ano, atendendo aos datos oficiais de matrícula, lévase a cabo un proceso de reorganización de unidades dentro dos propios centros educativos que leva consigo, ben a creación de novas unidades, ben a supresión doutras e o reagrupamento en función do incremento ou diminución de alumnado. Así mesmo, habilitáronse unidades (sen creación) para o suposto de desdobramentos de aulas cando existe un incremento puntual ou circunstancial do número de alumnos ou alumnas; pero non hai perspectivas que garantan que esa situación se consolide nos vindeiros anos. Os datos globais das unidades por provincias son os que a seguir se detallan:

Provincia

Supresións

Creacións

Habilitacións

Totais

A Coruña

-22

+28

-17

-11

Lugo

-4

+5

-1

0

Ourense

-6

+3

-2

-5

Pontevedra

-42

+3

1

-38

TOTAIS

-74

+39

-19

-54

Os datos concretos poden consultarse no enderezo electrónico https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180730/AnuncioG0164-190718-0001_gl.html.

Esta decisión da Consellería responde á obriga de realizar unha xestión eficiente dos recursos educativos sostidos con fondos públicos, adecuándoos tanto ás necesidades educativas de cada zona como á realidade social.